A Federación de Mulleres Rurais recoñece tres galegas polo seu emprendemento
A Federación de Mulleres Rurais recoñece tres galegas polo seu emprendemento
As tres recibiron unha bolsa de entre 2.500 e 5.000 euros que prevén reinvestir nos seus proxectos
Tres galegas protagonizan a cita anual do emprendemento rural feminino que se celebra en Madrid. Os seus proxectos en agricultura, viños e cosmética natural foron premiados cunha bolsa da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. Avalía a innovación e que axudan a combater o despoboamento e o quecemento global.
Raquel García é socia cooperativista de Labrecos. Unha granxa familiar no rural de Oza-Cesuras onde producen carne, hortalizas e froita, con agricultura rexenerativa e o seu propio fertilizante. Venden con criterios de proximidade a particulares e restaurantes, sempre produtos de temporada.
"Pequenas granxas circulares que alimenten a súa contorna son básicas para o rural. E abrimos as nosas portas a visitas escolares, visitas de fin de curso, dando formación a eses futuros rapaces. que saiban que poden dedicarse ao rural", destaca Raquel.
Baseado tamén na agricultura rexenerativa, A Santa Viña cambioulle a vida a Andrea Arias. Aparcou a arquitectura por un viñedo centenario na rúa de Valdeorras. E está dándolle aires novos a un proxecto dos seus bisavós.
"Queremos ser os primeiros que poñamos no mercado o tostado tinto de viñas que teñen pouco valor, como as de garnacha tintoreira, que non teñen tanto interese no mercado como un viño tinto normal. Producindo estas variedades damos valor a este territorio sen ter que transformalo nunha nova produción de variedades máis comerciais", di a responsable da Santa Viña.
Das posibilidades do rural sabe tamén Noelia Solar. Esta madrileña creou na Ulloa, en Lugo, o seu laboratorio de cosmética natural. Faino todo. Recolecta plantas silvestres, cultiva as que pode, macera, destila, envasa e comercializa... Tamén recupera remedios terapéuticos da zona.
A Fundadora de Esencia Viva explica que "utiliza árnica, romeu, tomiño... plantas que se usaban antigamente para solucionar problemas e que se foron perdendo. As fórmulas cambian un pouco, porque buscas emulsións e outros xeitos de aplicación, pero a base está aí. En recuperar e rexenerar esas fórmulas".
As tres recibiron en Madrid unha bolsa de entre 2.500 e 5.000 euros que xa teñen destino: mellorar o espazo de visitas escolares, un secadoiro para as uvas e un invernadoiro onde seguir investigando coas plantas.