Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres persoas necesitan atención médica na Coruña polo incendio dun contedor

Tres persoas necesitan atención médica na Coruña polo incendio dun contedor

O lume iniciouse nun contedor e estendeuse á fachada dun edificio

O Concello decreta a emerxencia sanitaria "total" polo conflito de lixo

G24.gal 02/08/2024 11:49 Última actualización 02/08/2024 14:25

Tres persoas foron atendidas polos servizos sanitarios ao presentar síntomas por inhalación de fume tras a queima dun contedor na Coruña.

O 112 Galicia informou este venres de que o incendio se rexistrou de madrugada na rúa Ramón del Cueto.

O lume iniciouse nun contedor e estendeuse á fachada dun edificio, o que afectou tres veciños, que foron atendidos por un equipo médico, aínda que non foi necesaria a súa evacuación. Tamén arderon outros tres contedores máis nas rúas Faro e Napoleón Bonaparte.

O Concello decreta a emerxencia sanitaria "total" polo conflito de lixo

O Concello da Coruña declarou a emerxencia sanitaria "total" e estendeuna "a toda a cidade" polo conflito no servizo de recollida de lixo "ata que se normalice por completo". Ata o momento, a emerxencia estaba centrada nun mapa de puntos sensibles con máis acumulación de residuos.

A partir de agora "xa é total e completa e esténdese a toda a cidade", explicou Inés Rey para engadir que os traballadores da empresa Valoriza, encargados do reforzo do servizo, ampliarán a súa xornada ás tardes de luns a domingo.

Por outra banda, cuestionada sobre as tres persoas que tiveron que ser atendidas por insuficiencia respiratoria debido á inhalación de fume tras a queima de contedores a pasada madrugada, condenou estes "actos vandálicos e de violencia extrema". "Son actos delituosos que non están xustificados", dixo á espera de que a investigación aberta esclareza os feitos.

Ademais, volveu a esixir á empresa concesionaria, Prezero, que "siga tomando medidas contundentes e siga sancionando", en alusión tanto aos despedimentos como ás sancións. "Non se pode permitir a presenza dun sindicato que pretenda controlar a contratación dun servizo público", apostilou.

Mentres, o portavoz do comité de empresa do Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), Alfonso Seijo, atribuíu o feito de que quedasen na cidade barrios con lixo sen recoller a que "non saen servizos, non pola folga, senón porque non teñen persoal".

Esta situación vinculouna co "despedimento de cinco persoas" e o feito tamén de que "28 estean a cumprir sanción" e a que "non se contrate". "Antes non cumprían por falta de persoal e agora cumpren menos", indicou en referencia á concesionaria. "A empresa está a aforrar moito diñeiro e a alcaldesa, en canto de obrigala a cumprir os servizos mínimos, non fai máis que pedir que roden cabezas", criticou.

Con todo, apelou á vontade de chegar a un acordo, aínda que argumentou que "coa actitude da alcaldesa e a empresa non imos chegar a ningún lado". Tamén descartou a vinculación do comité e o sindicado coa queima de contedores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade