Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trescentas persoas traballan para que o Son do Camiño poida celebrarse

Trescentas persoas traballan para que o Son do Camiño poida celebrarse

Dous guindastres retiraron a estrutura metálica de trinta toneladas que se derrubou o venres

Un dos seis traballadores feridos no accidente segue ingresado en coidados intensivos

Os operarios preparan a instalación dun novo escenario algo máis pequeno

G24.gal 12/06/2022 21:05 Última actualización 12/06/2022 21:49

Un operativo dunhas 300 persoas traballa contra o reloxo para que o festival O Son do Camiño poida comezar o xoves, tal e como estaba previsto antes do colapso do escenario principal do evento, que quedou inservible.

Este domingo retiraban con éxito a última parte da megaestrutura de ferro e aluminio que se derrubou. Dous guindastres ocupáronse de levantar a peza dunhas 30 toneladas de peso e deixar o espazo libre. Para determinar os puntos de amarre foi necesario un estudo técnico minucioso, como explica Juan Batalla, de Grúas Norte.

"Era complicado porque a peza ten un volume moi grande e tivemos que esperar a que baixara un pouco o aire para poder baixala. Eran 42 metros por 20, e 30 toneladas de peso. Traballamos cunha altura do guindastre de 46 metros e fixemos uns separadores con 18 tiros para cada lado".

Dende un primeiro momento, tras o accidente do venres a organización do evento contou coa colaboración dos bombeiros de Santiago nas tarefas desenvoltas na zona, segundo conta Xosé Manuel Couselo, sarxento encargado do servizo.

"Cortamos as lonas, sacamos unha especie de motores que teñen e como nun conxunto non eran capaces a desmontalo fomos cortando as diversas partes cun soprete".

A preparación de recinto avanza agora para instalar no mesmo lugar un novo escenario algo máis pequeno. Polo momento o festival O Son do Camiño mantén sen cambios o cartel de concertos anunciados. Agárdase que asistan unhas 120.000 persoas ás distintas actuacións musicais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade