Triunfa en terras de Lugo e da Terra Chá a febre das luces de Nadal nas casas
Triunfa en terras de Lugo e da Terra Chá a febre das luces de Nadal nas casas
Cada vez máis vivendas particulares locen unha iluminación espectacular
Na parroquia de Sobrada, entre Castro e Outeiro de Rei, o espírito do Nadal da veciñanza resulta visible a bastante distancia.
Son varias as casas decoradas con luces de cores en forma de motivos propios destas datas, cada cal máis iluminada, nun pulso que se pode medir en milleiros de luces LED.
María Cristina Lago, dona dunha casa con luces de Nadal: "Levounos sobre mes e medio montalo. Lámpadas, hai máis de 10.000".
Manuel Cobas, dono dunha casa con luces de Nadal: "Xa levo ben anos coas luces LED. Empezamos aos poucos, coa parra ou as palmeiras, e foi aumentando cada ano ata chegar a isto".
Non moi lonxe, no veciño concello de Begonte, unha familia da parroquia de Damil instalou unha árbore de Nadal de máis de 12 metros de altura na horta da casa. Tanto neste caso, coma nos de Sobrada, a xente acode atraída polas luces.
Manuel Cobas, dono dunha casa con luces de Nadal: "Teño aquí un letreiro, nun Papá Noel, que di que poden pasar. A xente que pasa cada día é moita".
María Cristina Lago, dona dunha casa con luces de Nadal: "Todos os días hai xente. E as fins de semana ou os festivos é cando máis hai".
Tamén na Terra Chá, un dos puntos máis iluminados desta febre das luces de Nadal é estoutra vivenda dos Vilares, en Guitiriz. Por esta especie de Joulupukin chairego chegan a pasar cada ano uns 4.000 visitantes dispostos a admirar unha postal digna do fogar do mesmísimo Santa Claus.