Trives entra a formar parte da Red de Pueblos Mágicos de España
Trives entra a formar parte da Red de Pueblos Mágicos de España
Este selo recoñece a singularidade dun concello non só pola súa historia ou patrimonio senón tamén pola paisaxe, a gastronomía ou as tradicións
En Trives atopamos a primeira paisaxe protexida de Galicia, o val do Navea, onde o castiñeiro ten un protagonismo especial. Xunto a estes, os sequeiros, construcións ligadas á recollida da castaña. Son parte dos tesouros que fan máxico este concello do oriente ourensán, aos pés de Cabeza de Manzaneda, onde tamén atopamos vestixios castrexos, pontes romanas ou pazos medievais.
Historia e natureza que xunto ás lendas, tradicións e a gastronomía, coa bica manteigada e a carne da zona como elemento diferenciador, fixeron este municipio merecedor de entrar a formar parte da Red de Pueblos Mágicos de España.
Este recoñecemento busca pór en valor os recursos locais para impulsar o turismo. Formado por máis dun cento de concellos en toda España. Ademais de Trives, en Galicia atopamos outros sete: Ribadavia, Irixo, A Veiga, Larouco, Combarro, Cambados e Portomarín.