Última xornada da operación retorno nos aeroportos con 114 operacións
Última xornada da operación retorno nos aeroportos con 114 operacións
Tres voos procedentes de Madrid e Barcelona foron desviados de Peinador a Santiago
A maior actividade rexístrase no Rosalía de Castro, con 64 voos
O aeroporto de Santiago, con 64 operacións programadas para este domingo foi o que máis actividade tivo durante esta mañá. Aos viaxeiros previstos sumáronse os de tres voos de Vigo procedentes de Madrid e Barcelona que por mor da mala visibilidade finalmente tiveron que aterrar no Rosalía de Castro.
A consecuencia diso os pasaxeiros que tiñan que saír neses voos foron trasladados en autobús a Santiago ao mediodía e chegaban temendo perder os enlaces que tiñan ata o seu destino final.
Tiñamos pensado saír de Vigo ás nove e dez e canceláronnos o voo polo vento e pola chuvia e trouxéronnos para Santiago.
Nós iamos de Vigo a Menorca. Anularon o voo e a ver se chegamos porque temos o enlace en Barcelona e non sei se chegaremos a tempo.
Aqueles que aproveitaron ata o último día para volver das vacacións facturaban a equipaxe pensando na rutina de mañá.
Toca volver e con moita tristeza e morriña, máis nestas datas. Hoxe é o día máis triste.
Sempre custa un pouquiño porque de vacacións estase ben e deixar a familia tamén.
Agora vivimos en Colombia e vimos no Nadal visitar a familia. Agora tócanos un voo de nove horas ou así de volta á casa.
Peinador e Alvedro tiñan previsto un total de 50 operacións este domingo, o día de máis actividade desta operación retorno.