Publicador de contidos
Publicador de contidos

Últimos días para preparar as carrozas para o Entroido

Últimos días para preparar as carrozas para o Entroido

A imaxinación é a clave para triunfar nos desfiles

G24.gal 24/01/2024 21:48

A menos de tres semanas para os días grandes do Entroido intensifícanse os preparativos para a festa. Os disfraces e carrozas que poderemos ver nas rúas empezaban xa a coller forma. Unha desas asociacións que leva anos participando e gozando do Entroido é Andén Primeiro, e está no barrio ourensán da Ponte. Contan que tan divertido é preparalo todo como compartilo despois coa xente.

Na asociación non hai descanso estes días. Cómprelles o tempo para rematar a carroza coa que van percorrer as rúas este Entroido. 

"Este ano estamos facendo un fumeiro portátil para poder movelo por Ourense adiante. Leva música, leva viño, leva licor, levamos comida para comer...", explica Fernando Rodríguez Moure, membro de Andén Primeiro.

Malia que este ano o Entroido chegou apurado, mentres haxa tempo eles vanlle engadindo detalles a súa carroza, e van sumando convidados a comitiva. 

"A vaca contamos con que de licor café porque non tiñamos depósito, contamos con que de café por un teto. Deuno algún ano xa, estámola alimentando moi ben a café, de sobremesa dámoslle terróns e para Entroido contamos con que de un licor café caralludo", apunta David Gesto, tamén membro da asociación. 

Contan que a maioría dos materiais son feitos por eles mesmos ou reciclados e que máis que cartos o que se precisa é imaxinación para triunfar no Entroido. 

"Non fai falta gastar moitos cartos para facer o Entroido, sinxelamente hai que facelo, hai que traballalo e hai que gustarse. Sobre todo ter moita imaxinación, é verdade. Para iso está David, o da imaxinación é el, e os demais empuxamos e facemos as cousas", explican.

Din que sempre viven o Entroido coa mesma ilusión e que o mellor é gozar do proceso de facer realidade unha idea e poder compartila coa xente, como fan dende que eran mozos.

"Fai falta que a xente te mire para que o Entroido teña sentido. No Entroido é tan importante o que te mira e o que te anima a facelo como facelo, e a verdade é que se desfruta moito facéndoo, eh?".

Din que ganas hai dabondo. Gardan algunha sorpresa que prometemos non desvelar. Eles seguen traballando e apurando ata o entroido volva chamar a porta.

"Hai xente que lle preguntan: ti vas saír no Entroido? eu o que non sei é se vou entrar..., e aquí pásanos iso. Como os vellos rockeiros, nós, vellos entroideiros", conclúen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade