Un ano do naufraxio do Villa de Pitanxo; así foi a traxedia en Terra Nova
Un ano do naufraxio do Villa de Pitanxo; así foi a traxedia en Terra Nova
O 15 de febreiro de 2022 o arrastreiro galego afundíase en augas canadenses
Ían vinte e catro tripulantes a bordo e só tres conseguiron sobrevivir
O Villa de Pitanxo era un arrastreiro conxelador con base no porto de Marín. Fai un ano estaba traballando en augas canadenses, cun total de 24 mariñeiros a bordo, a uns 450 quilómetros da costa de Terra Nova. Na madrugada do 15 de febreiro, o barco emite unha chamada de socorro e salta a noticia do seu afundimento.
A información vai chegando aos poucos, as familias están angustiadas e acoden ás oficinas de Nores, a armadora do barco, para saber algo dos seus. A maior parte da tripulación son mariñeiros que viven na comarca do Morrazo, en Marín, Cangas, Moaña, Bueu. Algúns deles con décadas de traballo no mar.
No Atlántico norte barcos galegos e portugueses colaboran na busca cos efectivos canadenses. Só hai tres superviventes do naufraxio: o patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e Samuel Kwesi, un mariñeiro ghanés. Os tres, rescatados polo pesqueiro galego Playa de Menduíña 2.
Na tarde do 16 de febreiro O Canadá dá por concluídas as tarefas de busca, por mor das malas condicións meteorolóxicas. Hai nove corpos recuperados do mar. Quedan aínda doce persoas desaparecidas.
María José de Pazo, voceira das familias do Villa de Pitanxo, pide no seu nome que se retome a busca:
"Que contraten medios alí, os barcos de pesca que estaban alí, que foron os únicos que reaccionaron, de empresas privadas, estiveron sen durmir, buscando. Salvaron os tres grazas aos barcos de pesca de alí".
As familias piden sinaturas na rúa para reclamar que continúe a busca dos doce tripulantes aínda desaparecidos.
Á costa canadense van chegando os barcos que participaron no rescate, trasladan os tres superviventes do naufraxio e os corpos de nove mariñeiros. Son cinco españois, tres peruanos e un ghanés.
O luns 21 de febreiro engala de Terra Nova un avión da Forza Aérea Española, cos superviventes e os restos mortais dos seus compañeiros. Chegaban ao aeroporto de Santiago esa mesma noite.