Un cámping de Ribadeo e outro de Santiso de Abres, os mellores no ámbito estatal
Un cámping de Ribadeo e outro de Santiso de Abres, os mellores no ámbito estatal
Foron elixidos nunha candidatura conxunta pola súa contorna natural
A candidatura conxunta formada polo cámping Amaido, de Santiso de Abres, e polo Rinlo Costa, de Ribadeo, foi gañadora na última gala do sector.
Isto implica que durante dous anos poderán lucir o premio correspondente que os acredita como os mellores cámpings pola súa contorna natural.
Á hora de elixir estes cámpings como os mellores na súa categoría en todo o ámbito estatal, valorouse a importancia da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. E, por suposto, tamén se tivo en conta a proximidade do conxunto das Catedrais.
Belén Prado, xerente do cámping Rinlo Costa: "A verdade é que as Catedrais nos dan moitísimo tirón, pero tamén é certo que toda a contorna complementa moito as Catedrais".
Yolanda Alzu, xerente do cámping Amaido: "Temos montaña, mar, río e ría. E o Eo é o enlace vertebral que nos une a Asturias e a Galicia".
No caso do cámping mariñao, consta de preto de 300 prazas. Ademais de parcelas de acampada e de caravanas, dispón de cabanas de madeira, pods, glamping ou bungalows que están dotados de todas as comodidades.
Belén Prado, xerente do cámping Rinlo Costa: "Temos variedade de aloxamento, para dúas persoas, cabanas de madeira e incluso os 'pods', que son dun cuarto".
Pola súa parte, o cámping asturiano ofrece actividades para toda a familia, sempre en contacto coa terra e ao carón do río Eo.
Yolanda Alzu, xerente do cámping Amaido: "Estamos ofrecendo agroturismo. Temos animais, cultivos agrícolas, pomares e actividades cos rapaces. Imos con eles, cultivamos tomates e vanos recoller".
O premio é dobre, posto que recoñece tanto o labor e a valía destes establecementos hostaleiros como a súa integración nunha contorna única.