Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un cento de persoas percorren a Vía da Prata para concienciar sobre a diabetes

Un cento de persoas percorren a Vía da Prata para concienciar sobre a diabetes

Unha enfermidade que padecen 6 millóns de persoas en España

O exercicio físico e unha dieta axeitada son esenciais para manter controlada a enfermidade

G24.gal 20/09/2024 13:13

Antes de poñerse en marcha, os participantes fan uns estiramentos para entrar en calor. Quédanlles por diante 23 quilómetros ata Cea, a primeira etapa da Vía da Prata desde Ourense.

"Camiñar, facer amigos e estar en contacto coa natureza é a mellor medicina para a diabetes", di Enrique, de Salamanca, paciente de diabetes tipo 2.

Participan un cento de persoas, a maioría enfermas de diabetes tipo 2, a que ten maior incidencia, un 80 por cento dos 6 millóns de diabéticos que hai en España.

"Ao principio dáche un susto, a ver, por que me toca a min a diabetes se, ademais, son pasteleira? É ir afacéndose", comenta Mila, de Vitoria, que ten diabetes tipo 2. "É un reto. Hai que ir adaptándose á enfermidade conforme van pasando os días", engade Raquel, de Zaragoza, diagnosticada de diabetes tipo 1 aos 16 anos.

O exercicio físico, xunto cunha alimentación saudable, son os dous piares para convivir con esta enfermidade moi ligada aos hábitos de vida da sociedade actual.

Carlos Miranda, médico que participa na iniciativa: "O tabaquismo, o sedentarismo, a hipertensión, o colesterol... hai que ter todo iso ben controlado. Esa é a mensaxe que queremos dar".

Facendo Camiño é unha iniciativa conxunta da Fundación para a Saúde e da Federación Española de Diabetes na que participan asociados de toda España.

Juan Francisco Perán, presidente da Federación Española de Diabetes: "Concienciar da importancia que teñen o autocoidado, o exercicio físico e a alimentación".

O próximo mércores, 25 de setembro, chegarán a Compostela, a bo ritmo, como se pode ver.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade