Galicia incorpórase ao proxecto europeo 'Coido a miña diabetes'
Galicia incorpórase ao proxecto europeo 'Coido a miña diabetes'
Consiste en dar pautas para que as persoas que teñen esta enfermidade melloren a calidade de vida
O seguimento dos datos lévase a cabo a través da plataforma Telea
O proxecto desenvolverase durante un ano e vai dirixido ás persoas que padecen diabetes, coa idea de que melloren a súa calidade de vida.
"Trátase de traballar coidando os estilos de vida, neste caso de pacientes con diabetes tipo 2, traballando en catro eixos fundamentais como a nutrición, o descanso, o exercicio físico e tamén o control da medicación", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
"A diabetes todos sabemos que é unha enfermidade complicada pero que se se coida, pode un vivir moito tempo con ela sen problema ningún", engadiu Blanca Cimadevila, xefa do Servizo de Integración Asistencial da Consellería de Sanidade.
De aí a importancia de levar unha vida o máis saudable posible.
"A alimentación forma parte dese estilo de vida que ten que levar a cabo este tipo de pacientes e forma parte do tratamento, coidar hábitos para que non progrese a enfermidade", asegurou Nuria Callejo, nutricionista.
"Neste tipo de diabetes si se adoitan ver beneficios tanto no que é a calidade de vida, na parte da alimentación, que si que mellora todos os estados", comentou a nutricionista Iria González.
Nesta primeira sesión informativa participan unha vintena de persoas. Os datos que acheguen servirán para avaliar o programa.
"O paciente cando desenvolve unha enfermidade, moitas veces encóntrase que está só. Este apoio, este seguimento continuo que lle ofrecemos con este proxecto, é algo fundamental para ter controlada a súa enfermidade", engadiu a coordinadora do programa, Paula Urones.
A orixe do programa está en Holanda, pero Galicia será protagonista ao exportar a outros países a plataforma de teleasistencia domiciliaria Telea.