Un coche esnáfrase contra unha tenda en Carballo e deixa tres persoas feridas leves
Un coche esnáfrase contra unha tenda en Carballo e deixa tres persoas feridas leves
O vehículo esnaquizou unha das caixas de cobro do establecemento
As cámaras de seguridade dun supermercado de Carballo gravaron o momento en que un turismo entraba no establecemento a toda velocidade. Menos mal que eran as tres e media da tarde e non había moita clientela.
"Oín un golpe tremendo e pensei que morrera alguén. Baixei apurado, sen zapatillas, e cando vin isto...", relata Manuel García Varela, irmán do xerente de Casa Francisco.
Non se sabe o motivo polo que a condutora, que circulaba pola estrada de Santiago, perdeu o control do turismo na rotonda e acabou dentro da tenda.
"Penso que ela púxose tan mal que en vez de frear, ala, para dentro, ata a cociña".
No interior do supermercado estaban unha empregada, o xerente do negocio e súa nai, unha señora nonaxenaria, que quedou incrustada entre os carros da compra e as patacas, cun golpe nunha perna.
"Ten 91 e é a xefa, gústalle estar aquí, pasa o tempo, coñece a moita xente. É a que manda. Meu irmán tivo sorte porque estaba no servizo e foi a súa salvación e a empregada estaba ao lado da neveira. Para min, naceron os tres. A empregada, está moi nerviosa, pasoulle a morte polo lado".
A nai de Manuel, a empregada e a condutora necesitaron asistencia sanitaria.