Un condutor morre en Cangas ao bater contra el un coche que perseguía a policía
Un condutor morre en Cangas ao bater contra el un coche que perseguía a policía
O presunto responsable do sinistro deu positivo en alcol e drogas
Un condutor perdeu a vida este venres tras sufrir o impacto frontal doutro vehículo na contorna da praza de abastos de Cangas.
O 112 recibiu o aviso da Policía Local arredor das 06:15 horas, xa con advertencia da gravidade do choque e da existencia de atrapados. Emerxencias mobilizou efectivos dos servizos sanitarios, Protección Civil e Bombeiros do Morrazo. Precisamente, os bombeiros, á súa chegada, tiveron que liberar o condutor do vehículo atropelado para que fose atendido polo 061.
Aínda que nun primeiro momento o home estaba consciente, os servizos sanitarios non puideron salvarlle a vida e faleceu pouco despois por parada cardiorrespiratoria.
O falecido é un mozo da vila que acababa de chegar do mar, polo que o seu pasamento causa unha grande consternación na confraría canguesa. Os ocupantes so vehículo presunto responsable do sinistro tentaron fuxir a pé do lugar dos feitos, pero foron alcanzados pola Policía Local na Estación de Autobuses, a poucos metros do lugar do accidente.
O condutor, detido por presunto homicidio imprudente, fuxía dun coche de policía tras saltar un control. O home deu positivo en alcol e drogas.
Prevese que este domingo pase a disposición xudicial e fontes da investigación non descartan que deteñan tamén ao copiloto do coche