Un de cada cinco adolescentes galegos está en risco de sufrir ciberacoso
Un de cada cinco adolescentes galegos está en risco de sufrir ciberacoso
Un estudo de alcance de Unicef e a USC indica tamén que un de cada catro adolescentes fai un uso "problemático" das redes
Máis do 50 % dos que sofren acoso escolar serían, á súa vez, acosadores
Pantallas para asomarse a un mundo ilimitado na adolescencia que implican tamén achegarse a un territorio de riscos Teñen nome: ciberacoso, sexting, bullyng, videoadicción... O informe de Unicef e a Universidade compostelá, baseado nas opinións de 3.000 adolescentes galegos, indica que un de cada catro fai un uso problemático das redes e que un de cada cinco sofre ou sufriu ciberacoso.
"Máis da metade das vítimas, dos rapaces e rapazas que sofre acoso escolar, digamos que a través da tecnoloxía, tamén son acosadores. Polo tanto teriamos que preguntarnos: o meu fillo estará acosando? Cada vez nolo din máis os educadores, os directores, os orientadores, que están aparecendo casos onde hai en grupo, nunca é un só, que a través da tecnoloxía están meténdose en leas, difundindo rumores, subindo fotos, intercambiando fotos. Dalgunha maneira son novas formas de ciberacoso", explica Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía Social da USC, que é un dos coordinadores do estudo.
Non se trata de caer en alarmismos excesivos, pero un problema crecente é o da banalización da violencia verbal:
"Esa violencia mais verbal e máis psicolóxica normalízase e, polo tanto, tende a interpretarse non en clave de acoso, senón como unha pauta de interacción normal. Pero iso vaise interiorizando e desemboca en maiores taxas de acoso escolar cara a cara. De feito, o oitenta por cento deses rapaces que sofre ese tipo de condutas a través das redes vén como se estende tamén ao cara a cara", aclara Rial Boubeta.
O estudo indica tamén que catro de cada dez adolescentes enquisados admitiu que recibira mensaxes de contido erótico. Tamén que para eles os videoxogos son para eles e elas unha canle fundamental de interacción social. Pero cinco de cada dez admite que utiliza xogos non recomendados para a súa idade.