Un detido pola agresión que mandou á UCI un xuvenil do C. D. Lugo
Un detido pola agresión que mandou á UCI un xuvenil do C. D. Lugo
O mozo xa saíu da Unidade de Coidados Intensivos do HULA e segue ingresado recibindo tratamento
A Policía detivo nas últimas horas un mozo pola agresión que o pasado sábado mandou á UCI o xogador xuvenil do Club Deportivo Lugo Gonzalo Cuéllar, irmán de Jaume, integrante do primeiro equipo.
“Despois dun día de intensa actividade onde se tomaron as declaracións a todos as posibles testemuñas dos feitos, e a realización das dilixencias propias dun caso como o ocorrido, púidose determinar a autoría das lesións”, informa a Comisaría Provincial .
Trátase dun veciño da cidade, maior de idade e sen antecedentes policiais previos.
"Un rapaz novo que sae a divertirse coma calquera outro e que, por mala sorte, mala fortuna, dá unha mala labazada e por desgracia cunha mala caída, tamén", asegura Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.
A detención do sospeitoso produciuse a última hora da tarde de onte e, tras prestar declaración en dependencias policiais, pasou a noite no calabozo da Comisaría Provincial de Lugo. Será posto ao dispor da autoridade xudicial ao longo o día.
O mozo xa saíu da Unidade de Coidados Intensivos do HULA e segue ingresado recibindo tratamento polas lesións que sufriu.
Previsiblemente, os investigadores que se fixeron cargo do caso falarán este martes con el para coñecer a súa versión do sucedido.
A investigación “está en curso”, dixo Besteiro
Os feitos producíronse o sábado, na Rúa dos Cregos, en pleno centro histórico da cidade, cando supostamente o mozo, que estaba acompañado por uns amigos, se viu envolvido nunha discusión.
Nun momento dado, recibiu unha puñada na cara, caeu e bateu coa cabeza contra o chan.
"En todo momento ao longo das distintas declaracións e pescudas feitas, en ningún momento se deriva unha intencionalidade de causar un dano grave a esta persoa" afirma Arias.
Foron os seus amigos os que chamaron os servizos de emerxencias e, tras recibir os primeiros auxilios no mesmo lugar do suceso, foi evacuado ao HULA, onde ingresou na UCI por mor da gravidade do seu prognóstico.