Publicador de contidos
Publicador de contidos

O detido polo triplo homicidio de Morata recoñece a súa participación no crime

O detido polo triplo homicidio de Morata recoñece a súa participación no crime

Entregouse este luns na Garda Civil de Arganda del Rey e impútaselle un delito de homicidio doloso polas tres mortes

O home agredira unha das irmás hai meses cun martelo

G24.gal 22/01/2024 09:44 Última actualización 22/01/2024 14:21

O presunto autor do triplo homicidio ocorrido na localidade madrileña de Morata de Tajuña entregouse esta mañá á Garda Civil e recoñeceu a súa participación no crime.
Unha débeda contraída polos tres irmáns co agora detido podería ser o motivo do crime.

A detención ocorreu en Arganda del Rey, localidade do sueste de Madrid e próxima a Morata de Tajuña, onde residían os tres irmáns asasinados.

O arrestado, de 43 anos, entregouse no cuartel da Garda Civil e recoñeceu a súa implicación no triplo homicidio, aínda que incorreu en varias incongruencias ao relatar os feitos. Segundo informou a comandancia madrileña, o home permanece custodiado no cuartel de Rivas-Vaciamadrid como presunto autor dun delito de homicidio doloso.

O arrestado, que fora inquilino da familia, estaba sendo buscado, xa que no pasado agredira unha das irmás cun martelo por uns cartos que a muller lle debía. Por esa agresión entrou en prisión, que abandonou a principios deste mesmo mes de xaneiro.

Os cadáveres dos 3 irmáns, dúas mulleres e un home, de entre 72 e 79 anos, apareceron o pasado xoves amontoados e parcialmente queimados na súa vivenda de Morata de Tajuña. A porta de entrada non estaba forzada e todas as persianas estaban baixadas.

Os irmáns tiñan problemas económicos que puideron desencadear a súa morte

O inicio dos problemas económicos que puideron desencadear a morte dos tres irmáns remóntase a anos atrás, cando Amelia e Ángeles supostamente comezaron a ser vítimas dunha estafa amorosa a través de Internet.

Segundo relataron os seus achegados e veciños, elas mesmas comentaban que mantiñan unha relación sentimental con dous militares estadounidenses en Afganistán a quen coñeceran a través de Facebook.

Tempo despois, un deles, quen dicía chamarse Edward e empregaba unha foto do excomandante da OTAN Wesley Clark, asegurou que un compañeiro seu morrera e que el ía ser o beneficiario da súa millonaria herdanza, que compartiría coas irmás.

Con todo, antes necesitaba que elas lle axudasen economicamente para custear os gastos sucesorios, ao que accederon. Destinaban mensualmente as súas pensións e chegaron a enviarlle preto de 400.000 euros, segundo apuntan amigos da familia.

Arruinadas, as irmás, naturais de Torre de Juan Abad (Cidade Real) pero residentes en Morata de Tajuña desde había décadas, comezaron a pedir diñeiro aos seus veciños e amigos, incluído o párroco da localidade.

Perante as súas negativas, e as advertencias dos seus achegados sobre o engano do que estaban a ser vítimas, comezáronse a illar ata que o pasado decembro desapareceron da vila.

As persianas da súa casa, situada no número 3 da Travesía do Calvario, estaban baixadas, ninguén contestaba o teléfono e os veciños deron por feito que marcharan a Madrid sen avisar.

Pasadas varias semanas, e alertados polas recorrentes chamadas dos moradores das vivendas lindeiras denunciando o fedor, o pasado xoves efectivos de Policía Xudicial da Garda Civil de Arganda del Rey rexistraron a casa e atoparon os corpos en proceso de descomposición.

Foron trasladados ese mesmo día ao Instituto de Medicina Legal, onde o venres se comezaron a realizar as autopsias, das que aínda non transcenderon os resultados.

Durante a inspección técnico-ocular da vivenda, os axentes de Policía Científica da Comandancia de Madrid atoparon unha pistola de simulación, cuxa orixe se está investigando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade