Un dos tres xihadistas condenados polos atentados de Barcelona e Cambrils comparece no Congreso
Mohamed Houli acusou o CNI de complicidade co imán de Ripoll, pero sen achegar probas
O PP non quixo participar na sesión e os seus representantes abandonaron a sala como protesta
Un dos tres xihadistas condenados polo atentados de Barcelona e Cambrills de 2017 compareceu esta tarde no Congreso, na comisión de investigación sobre aqueles actos terroristas.
Mohamed Houli chegou directo do cárcere de Córdoba onde cumpre 43 anos de condena, esposado e escoltado por dous policías de paisano. Nunha breve declaración, culpou o imán de Ripoll de preparar o atentado, coa complicidade do CNI.
"O CNI coñecía as intencións do imán e permitiron que nos comera a cabeza. Dígoo agora e non antes porque tiña medo a represalias. Pero agora estou condenado e non teño nada que perder", dixo.
A partir de aí, sen moverse da mesma tese e sen aportar probas, só contestou as preguntas de Junts, Esquerra, PNV e Bildu.
Os representantes do Partido Popular non participaron na sesión, que abandonaron ao inicio.
Cayetana Álvarez de Toledo, portavoz adxunta do PP no Congreso, dixo: "Trouxeron un terrorista ao Congreso para chamarlle terrorista ao Estado, asasino ao CNI e prevaricador ao Tribunal Supremo. E todo para manter contento e Puigdemont a asegurar a Sánchez no poder".
O PP avanzou que presentará un escrito de queixa ante a presidenta do Congreso por levar á comisión de investigación un terrorista condenado co único obxectivo, din, de contentar a Junts.