Prado leva a segunda manga en Letonia pero perde o liderado do Mundial
Prado leva a segunda manga en Letonia pero perde o liderado do Mundial
Un inoportuno esvarón na primeira carreira custoulle uns puntos preciosos
Vitoria para Herlings no Grande Premio e Gajser recupera a primeira posición do MXGP
Os tres tenores volveron aparecer no Grande Premio de Letonia. Gajser sumou dous segundos postos pero recuperou o primeiro posto do Mundial de motocrós con catro puntos de vantaxe sobre Jorge Prado. O piloto de Lugo tivo un problema na primeira carreira e iso custoulle o liderado pero gañou a segunda manga. Herlings conseguiu a vitoria en terras letoas grazas a un primeiro e un terceiro postos.
A primeira carreira deixounos a caída de Jorge Prado que quedou moi lonxe dos primeiros postos. Gajser, segundo por detrás de Herlings, recuperou o primeiro posto do Mundial grazas á súa regularidade. Prado comezara xusto por detrás dos seus grandes rivais pero cando se levaban oito minutos de proba foi ao chan. Adiantárono cinco pilotos e só foi quen de recuperar unha posición ata o final.
Na segunda carreira Prado dominou desde o principio ata o final pero tivo que poñer un ritmo moi forte porque nunca chegou a deixar a Gajser a máis de catro segundos. Herlings acabou no terceiro posto, pelexou con Gajser por esa segunda praza e acabou a tres segundos do galego.
No Mundial continúa a loita titánica entre Gajser (454 puntos) e Prado (450). Herlings é o terceiro pero aínda está lonxe dos dous dominadores desde MXGP.