Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un evento con produtores do rural difunde a importancia ambiental, cultural e económica do monte galego.

Un evento con produtores do rural difunde a importancia ambiental, cultural e económica do monte galego.

É a II edición da feira denominada "Tanto monte, monta tanto"

Desenvolveuse na parroquia de Trasmonte, no concello de Ames

G24.gal 29/10/2022 21:25 Última actualización 29/10/2022 21:44

Este sábado desenvolveuse na parroquia de Trasmonte, no concello de Ames, a II feira denominada "Tanto monte, monta tanto". Un evento con produtores do rural para difundir e valorizar a importancia ambiental, cultural e económica do monte galego.

Un dos proxectos principais desta feira foi o Fisterra Bovine World. Durante catro anos desenvolveron un experimento pioneiro en Galicia de crianza en paralelo das mellores razas de gando vacún de todo o mundo segundo o método tradicional galego: no mesmo territorio, coa mesma alimentación... o que dá nun produto diferente. Un proxecto convertido nun referente internacional.

"Eses animais que foron criados aquí, moitos deles foron aos mellores restaurantes de toda Europa, que é un xeito de internacionalizar o sector cárnico de vacún de Galicia e facer que Ames e Fisterra Bovine World sexan un epicentro a nivel internacional do que é a crianza de gando vacún", di Aser Álvarez, director de comunicación do Proxecto Fisterra Bovine World.

A crianza do porco celta en extensivo tamén estaba representada neste evento a través dunha empresa de Cenlle.

"O porco celta é un animal que está en perigo de extinción, o que facemos é participar na recuperación deste animal, que é un animal noso de Galicia", incide Martín Touceda, da empresa CienPorCel.

Non podían faltar nesta feira os apicultores, para poñer en valor o mellor mel galego cos gañadores do concurso da Asociación Galega de Apicultura.

"Os consumidores buscan iso, un produto pequeno, local", explica Maruxa Blanco, secretaria da Asociación Galega de Apicultura.

Tamén estaban presentes empresas que buscan a multifuncionalidade dos bosques.

"Buscamos producir por un lado a castaña, por outro lado o cogomelo e por outro lado a madeira", di Ignacio Sánchez, encargado do Departamento Comercial de "Hifas Foresta"

Todos eles mostraron así o seu labor na investigación e produción do sector forestal, no paisaxismo e na restauración ambiental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar