Un falecido e un ferido tras colidir un vehículo contra un camión guindastre en Sarria
Un falecido e un ferido tras colidir un vehículo contra un camión guindastre en Sarria
Un veciño de Sarria de 62 anos faleceu este martes á tarde ao bater o seu vehículo contra un camión guindastre, no punto quilométrico 53 da LU-633, no devandito concello. Ademais, quedou ferida a persoa que viaxaba no asento de copiloto.
O condutor do camión saíu ileso do accidente, segundo informou a Garda Civil.
🔴 #AXEGAInforma dun accidente de tráfico mortal en #Sarria. Unha persoa faleceu e outra resultou ferida ao bater o coche no que circulaban contra un camión guindastre, no punto quilométrico 53 da LU-633. Interveñen: sanitarios, #BombeirosSarria, @guardiacivil e #PolicíaLocal. pic.twitter.com/RU3c2f5Bfy
— 112Galicia (@112Galicia) August 23, 2022
"Foi un impacto bastante importante, unha colisión frontal entre un turismo e un camión portavehículos", conta o sarxento do Parque de Bombeiros de Sarria.
O estado en que quedou o coche demostra a forza coa que bateu contra o camión guindastre. O accidente tivo lugar na tarde de onte na estrada que une Sarria con Portomarín.
No turismo viaxaban dous empregados dunha empresa de electricidade. Os bombeiros tiveron que liberar o condutor. "A operación non foi complicada en si porque cando chegamos xa falecera. Tivemos que abater o cadro de mandos e extraer a vítima cun taboleiro espiñal", din os bombeiros.
Unha veciña, testemuña do accidente, di que o camión foi o que escorregou e a parte do guindastre foi contra o que bateu o coche.
O outro ocupante do vehículo saíu polo seu propio pé e foi trasladado por un particular ata un centro sanitario xa que resultou ferido no impacto. O condutor do camión saíu ileso.
Os veciños piden que se cambie o trazado. Nesta mesma curva xa se rexistraron máis accidentes. "É máis perigosa para baixar que para subir. O que sobe corre o perigo de atoparse cos que baixan a moita velocidade. Ás veces semella que están facendo aquí carreiras de coches. A maior parte dos vehículos circulan demasiado rápido", di unha veciña.
O falecido, de 62 anos, era unha persoa moi coñecida e apreciada en Sarria.