Un fallo mecánico puido causar a avaría da atracción de Narón en que 15 menores quedaron feridos
Un fallo mecánico puido causar a avaría da atracción de Narón en que 15 menores quedaron feridos
Dez dos quince menores feridos foron trasladados ao hospital, pero xa recibiron a alta
As primeiras investigacións apuntan a un posible fallo mecánico
Desde a comisión de festas aseguran que a atracción tiña os papeis en regra
A atracción Xamaica é relativamente nova, xa que non ten nin dous anos. Especialistas da Policía Científica seguen a investigar que fallou na atracción Xamaica, xa retirada deste campo da feira, para que os eixes sobre os que se aguanta unha plataforma móbil que ascende e xira no sentido das agullas do reloxo, romperan e se producira a caída. Porén todo apunta a un posible fallo mecánico.
Por mor do impacto, 15 menores, dos que a meirande parte deles pertencían aos equipos das categorías de benxamín e alevín da Sociedade Deportiva Cultural e Recreativa Narón O Freixo,
quedaron feridos. Foron atendidos no mesmo lugar dos feitos, nun hospital de campaña habilitado na zona onde desbotaron que sufriran lesións importantes, só mazaduras por distintas partes do corpo.
Aínda así, por decisión dos pais, dez nenos foron trasladados a hospitais da comarca para unha exploración máis completa. Todos eles recibiron a alta médica en cuestión de horas e atópanse ben. Porén, levaron un susto monumental que, sen dúbida, tardarán en esquecer.