Un ghanés veciño de Marín, identificado como o terceiro supervivente do naufraxio
Un ghanés veciño de Marín, identificado como o terceiro supervivente do naufraxio
Tanto el como os outros dous superviventes continúan a bordo do buque galego Playa Menduíña 2
Un ghanés veciño de Marín é o terceiro tripulante supervivente identificado. Confirmábao pouco antes das 09:30 horas desta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Segundo informou Europa Pres, trátase de Samuel Kwesi Koufie, un mozo que vive na vila mariñeira e cuxa familia, segundo recollen varias fontes locais, reside en África.
Tanto el coma os outros dous superviventes continúan a bordo do buque galego Playa Menduíña 2. Os tres falaron xa coas súas familias e recupéranse pouco a pouco dos efectos da hipotermia que sufriron.
Media ducia de barcos, un helicóptero e un buque da armada canadense participan nos labores de rescate fronte ás costas de Terra Nova. Fano nunhas condicións durísimas. Hai moi mala visibilidade, ondas de entre catro e cinco metros de altura, vento forte e a temperatura da auga é moi baixa.
Quintana: "A situación é moi difícil, a esperanza é poder atopar os corpos dos desaparecidos"
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo no informativo 'Bos días' e afirmou que son poucas as noticias que se teñen. Destacou que se puxo en contacto co director da Mariña Mercante e que lle dixo que continúan cos labores de rescate.
Quintana confirmou que hai tres superviventes, dez falecidos e once desaparecidos. Os buques de pesca que se atopan na zona seguen rastrexando a zona, ao igual que os buques da Armada do Canadá e os helicópteros.
Os tres superviventes continúan abordo do Playa de Menduíña 2 e os cadáveres están repartidos entre ese barco, dous portugueses e un mercante. Polo de agora, Quintana dixo que non sabía cando os tres superviventes ían volver a terra porque o Playa de Menduíña continúa cos labores de busca.
A conselleira afirmou que a comunicación coas autoridades canadenses é moi dificultosa e que mentres non haxa unha confirmación oficial da identidade dos falecidos non se pode dicir, e quixo agradecer o comportamento das autoridades, que poñen todo á disposición da armadora para intentar rescatar aos tripulantes desaparecidos. "Intentaremos que nos reporten a información o máis rápido posible para trasladárllelo ás familias", afirmou Rosa Quintana.
"As esperanzas de atopalos vivos son pequenas e temos que entender que a temperatura desas augas é moi fría", destacou Quintana, e que a esperanza é atopar o resto dos tripulantes. A conselleira do Mar destacou que "os superviventes están vivindo unha situación emocional moi complicada e hai que esperar a que se tranquilicen para que poidan achegar luz sobre como pasou o accidente".
Sobre se falou coas familias dos tripulantes, Quintana dixo que aínda non, e que só o fixo coa empresa armadora, co xerente da cooperativa de armadores de Vigo e cos alcaldes da zona.
Nos trece anos que leva como conselleira, Quintana afirmou que viviu moitos accidentes marítimos, pero ningún desta magnitude, e dixo que "lle custa poñerse na pel desas familias". Quixo destacar a solidariedade de todos os seu compañeiros conselleiros doutras comunidades autónomas, así como de todo o sector pesqueiro. "A prioridade da Xunta é darlles o máximo consolo ás familias e toda a axuda que se poida", subliñou Quintana.
Quintana destacou que sempre insisten na formación e a seguridade dos tripulantes, por iso o máis importante "é que todos os que saian cada día ao mar poidan volver á súa casa". Despediuse visiblemente emocionada e mandou mandando unha mensaxe de ánimo e un abrazo a todas as familias.