Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un goberno en que a axenda económica será prioritaria, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Un goberno en que a axenda económica será prioritaria, por Venancio Salcines

G24.gal 15/04/2024 08:16

Todo parece indicar que a axenda económica será prioritaria na xestión do presidente Rueda. Aí está a creación da Oficina Económica da Presidencia, responsable de coordinar todos os proxectos estratéxicos e de axilizar a xestión dos fondos europeos. É evidente que o presidente quere axilidade e que a burocracia non obstaculice ningún investimento. Este non é un tema menor, pois calquera investidor sabe que o tempo é diñeiro, o tempo é un custo. Unha rebaixa do mesmo converte a Galicia nun lugar máis atractivo. Porque a burocracia é un mal espallado por todo o territorio e se unha autonomía lle dá posto couto poderá gañar relevancia estatal.

O principal piar desta nova axenda é a conselleira Lorenzana. A responsable de Economía e Industria e alta funcionaria da Xunta de Galicia ten ocupado diversos postos de alta responsabilidade e anteriormente foi conselleira de Emprego, onde deixou unha maquinaria perfectamente engraxada, en que destacaban as directoras xerais Margarita Ardao e Zeltia Lado, tamén, coma ela, altas funcionarias da administración. Ese é tamén o ecosistema de Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE, o brazo económico da administración para as pemes de Galicia. A conselleira de Economía e Industria caracterízase por rodearse de perfís técnicos, altos funcionarios como, por exemplo, Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria, ou Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética, coñecedores do complexo funcionamento da administración e capaces de imprimir o ritmo que desexa a Presidencia da Xunta.

A conselleira Lorenzana terá que lidar coa oposición sistemática da oposición nacionalista, e do seu ecosistema ecoloxista, a todo proxecto industrial de entidade. A minería, o forestal, as renovables... Todo aquilo que supón meter a Galicia na axenda do século XXI é permanentemente cuestionado polo BNG e os seus satélites. Vese que algúns senten que o campo galego debe ser cousa exclusiva de funcionarios e de xubilados.

Pero, para que queremos a economía se esta non se proxecta en máis e mellor emprego? Aquí a presenza de José González, cunha excelente xestión ás súas costas en Medio Rural, fai presaxiar que a consellería collerá un novo impulso e tamén unha nova redefinición. A estratexia Retorna, deseñada no seu momento por Alfonso Rueda e implementada, dun modo implecable, por Antonio Miranda, ten un perfecto encaixe en emprego. É evidente que as necesidades do noso mercado laboral, se poden ser defendidas por galegos da diáspora, mellor que mellor. O conselleiro terá moitos retos, dende cubrir os buratos laborais do sistema, aí está, por exemplo, a falta de traballadores do rural, a xerar talento para os sectores máis vangardistas, como o tecnolóxico.  

O que é evidente é que a axenda económica dos últimos anos ten tres nomes: Alfonso Rueda, María Jesús Lorenzana e José González, e os tres parece que, con máis madurez e experiencia, van marcar a dos catro próximos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade