Un golfiño leva máis de 24 horas nadando de forma irregular no porto de Vilagarcía
Un golfiño leva máis de 24 horas nadando de forma irregular no porto de Vilagarcía
A Cemma fai un seguimento do mamífero por se estivese enfermo ou ferido
Nesta época os arroaces e os golfiños entran nas rías buscando os cardumes de sardiña
O golfiño está na dársena número 2 do porto de Vilagarcía e xa é un atractivo máis do paseo matinal. Ducias de persoas achéganse para velo pero máis aló do aspecto lúdico preocupa o seu estado de saúde. Os biólogos da Cemma estanlle facendo un seguimento para ver a súa evolución. Onte fixéronlle fotografías para ver se as marcas da aleta eran feridas. Uxía Vázquez di que notaron que nadaba ladeado e que lle custaba respirar, pero que hoxe xa mellorou e ten unha natación máis estable e unha respiración máis tranquila.
No porto non ten risco
Os golfiños e os arroaces entran nas rías buscando comida. Nesta época, fundamentalmente sardiña. Nos últimos días houbo avistamentos nos portos de Ribeira e A Pobra. Na Cemma din que pode ser un animal desa manda ou ben un dos que vararon a semana pasada en Boiro. Este ano está sendo excepcional desde ese punto de vista. Nos oito primeiros meses lévanse contabilizados máis de 400 varamentos en Galicia cando a media anual é de 250.