Un home bébedo sementa o caos en Vilagarcía agredindo policías e un vixilante do PAC
Un home bébedo sementa o caos en Vilagarcía agredindo policías e un vixilante do PAC
Participou nunha pelexa no pub, fuxiu da policía e propinou puñadas e patadas aos axentes
Un home con síntomas de embriaguez provocou o caos na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa de madrugada tras ser interceptado pola Policía Local. Acabou agredindo os axentes a patadas, o mesmo que fixo tamén cun vixilante do Punto de Atención Continuada a onde o trasladaban por unhas feridas, e tiveron que administrarlle calmantes, ata que acabou nun hospital.
Pasadas as 03:30 da madrugada, segundo informaron fontes municipais, unha patrulla motorizada da Policía Local interceptou o individuo, que, cun vaso na man e con claros síntomas de ir bébedo, camiñaba polo medio da calzada obstaculizando a circulación e poñendo en risco a súa integridade.
A pesar dos reiterados requirimentos dos axentes para que saíse da estrada e se identificase, o home mantivo a súa actitude fuxindo dos municipais. Unhas mulleres que pasaban en vehículo comentaron aos axentes que esa persoa xa creara problemas nun pub e participara nunha pelexa.
Nese momento, o individuo tirou o vaso ao chan e, collendo un anaco de vidro na man, escapou correndo cara aos locais de lecer nocturno. Ante a posibilidade de que puidese autolesionarse ou ferir alguén, os axentes perseguírono, primeiro a pé e máis tarde en coche, ata dar con el.
O home achegouse ao coche policial para propinar unha puñada ao condutor a través do portelo e volveu escapar á vez que chamaba a voces á policía.
Finalmente, debido ao rumbo errático e torpe con que se desprazaba, tropezou e caeu ao chan e con iso levou un forte golpe na cara. Nese momento, os policías aproveitaron para inmobilizalo e optaron por trasladalo ao PAC.
O periplo do home non finalizou aí, xa que o individuo, que se negou en todo momento a identificarse, púxose agresivo no centro de atención. Alí propinou patadas tanto aos axentes como ao vixiante.
Tras lle daren un calmante e esperar varios minutos a que lle fixese efecto, o home foi trasladado ao Hospital do Salnés para practicarlle probas.
A detención non puido realizarse debido a que o home quedou ingresado, aínda que a policía cursou as correspondentes denuncias polos feitos acontecidos e sobre os que terá que responder.