Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio arrasa un alpendre e parte dunha casa en Friol

Un incendio arrasa un alpendre e parte dunha casa en Friol

Os danos causados polo lume, que puido orixinarse nun forno, superan os 30.000 euros

Félix Aragunde 10/05/2024 12:08

Un incendio declarado de madrugada arrasou un alpendre no Chao, na parroquia friolesa de Narla. O lume propagouse a parte dunha vivenda, aínda que non estaba habitada. Así e todo, había media ducia de galiñas, que foi preciso salvar das lapas.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do parque comarcal de Vilalba e efectivos do Grupos de Emerxencias de Friol. Tras controlaren o lume, permaneceron no lugar o resto da mañá para vixialo, posto que a leña que había gardada quedou ardendo.

"Ardeu o alpendre da casa e propagouse, a través da vigas, ao resto da vivenda. No medio tiña un galiñeiro, e os compañeiros de Friol lograron salvar as pitas. E tamén salvamos o terzo da casa pegado á estrada", explicaba Brais Ruiz, bombeiro do parque de Vilalba.

"Viñeron os compañeiros nosos e agora quedamos aquí controlando a zona a arrefriando, porque aínda hai bastante temperatura", relataba Jesús Ramos, GES de Friol.

O incendio puido orixinarse nun forno que se encontra no propio pendello. Segundo os donos dos inmobles, estiveran a cocer pan unhas horas antes.

"Había, por aí, catro remolques de leña e algunha ferramenta. Penso foi na cheminea, porque quentei no forno, e coa calor debeu de ser cando ardeu todo", explica Manolo Pena, dono da casa e do alpendre.

Debido ao efecto das lapas, a cuberta do alpendre colapsou por completo, polo que se estima que a contía dos danos supera os 30.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar