Un incendio calcina maquinaria dunha granxa de Guntín
Un incendio calcina maquinaria dunha granxa de Guntín
O lume iniciouse de madrugada na parroquia de Ferroi
Conseguiron salvar as vacas, pero morreron algúns coellos
Os estoupidos espertaron de madrugada os veciños de Ferroi, en Guntín. Ardían as instalacións dunha granxa da que conseguiron sacar a tempo as vacas que había no interior das cortes. Peor sorte correron os coellos, pero non houbo danos persoais.
"O incendio afectou varios tractores e diversa maquinaria. Había tamén forraxe, que é o que levou máis tempo extinguir", explica Carlos Ulla do GES de Friol.
Arderon por completo dous tractores e un autocargador, e quedou seriamente danada a estrutura do alpendre. Descoñécese como se orixinou o incendio, pero unha das hipóteses é a dun posible curtocircuíto nun dos vehículos.
"A estrutura do alpendre está tamén bastante afectada, a temperatura aquí foi moi alta. A maquinaria ten gasóleo e aceite, que supoñen un incendio cunha temperatura bastante elevada", sinala Carlos Ulla do GES de Friol.
O traballo dos bombeiros de Sarria e dos efectivos do GES de Friol conseguiu evitar que o lume se propagase ás tres vivendas lindeiras que compoñen o pequeno lugar de Vilaboa.