Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía Xudicial investiga o incendio que calcinou o punto limpo do Saviñao

A Policía Xudicial investiga o incendio que calcinou o punto limpo do Saviñao

O lume deixou "totalmente inservible" a nave e estragou dous camións e unha máquina do servizo de limpeza e recollida do lixo 

O alcalde pide axuda aos concellos veciños ata que non consigan restablecer por completo o servizo

G24.gal 02/09/2024 09:26 Última actualización 02/09/2024 12:51

Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo desprazáronse ata o municipio lucense do Saviñao e fixéronse cargo da investigación para determinar as causas do incendio que arrasou a pasada madrugada as instalacións do Punto Limpo municipal, en Escairón. O lume calcinou a nave e estragou dous camións e unha máquina do servizo de limpeza e recollida de lixo.

O alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, di que sobre as causas do incendio "non me atrevo a pensar en nada”.  Lembra que o Punto Limpo quedou “pechado o sábado sobre as dúas da tarde”, dado que “o servizo de limpeza” non traballa en domingo polo que, en teoría, desde esa hora "alí non puido entrar ninguén”.

A Garda Civil realizou unhas primeiras pescudas para dar parte aos correspondentes seguros, pero finalmente fíxose cargo da investigación “a Policía Xudicial, que chegou esta mañá desde Lugo”. Armesto confirma que os dous camións do servizo de limpeza e recollida de lixo quedaron esnaquizados "por completo", debido a que "non queda nin a tea dos asentos" e a nave do punto limpo, está “totalmente inservible”.

O Goberno local céntrase agora en restablecer o servizo canto antes, dado que resulta complicado “conseguir un camión da noite para a mañá”. O alcalde pediu “apoio a outros concellos”. Mentres, a empresa concesionaria desprazou ata o concello un camión procedente da zona de Vigo para manter activo o servizo de recollida de lixo á espera dunha solución definitiva.

Cinco horas tardaron os bombeiros en controlar o lume

Foron moitos os veciños que chamaron ao 112 Galicia para alertar do lume que se observaba desde unha importante distancia. 

Os primeiros avisos chegaron á 1:45 da madrugada, cando un particular alertou os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de que ardía o punto limpo de Escairón, na parroquia de Vilasante. Pouco despois, as lapas xa consumían o tellado que cobre as instalacións, que albergaban vehículos e nas que se acumulaban diversos materiais.

Rapidamente, o 112 Galicia solicitou a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia de modo preventivo, Bombeiros de Chantada e de Monforte de Lemos, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil do Saviñao. Tamén se informou ás autoridades ambientais da Xunta de Galicia.

Unha vez no lugar, os equipos de extinción traballaron para controlar e extinguir o lume, o cal conseguiron pasadas as cinco horas. Finalmente, comunicaron a relación de danos materiais. O lume calcinou o tellado da nave, dous camións de recollida do lixo e unha máquina para limpar as beirarrúas. Ademais, arderon contedores, colchóns, restos de madeira e outros materiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade