O incendio de Maceda leva queimadas xa 100 hectáreas
O incendio de Maceda leva queimadas xa 100 hectáreas
O incendio de Maceda comezou en tres focos ao mesmo tempo e na súa extinción traballan dous avións e tres helicópteros
Estabilizado o incendio de Mourentán, Arbo
Segue baixo control o lume de Ponteareas
Efectivos dos equipos de extinción traballan arreo nun incendio forestal que se declaraba a pasada noite na localidade ourensá de Maceda. Afecta a parroquia de Castro de Escuadro, en plena serra de San Mamede, e Medio Rural di que xa queimou arredor de 100 hectáreas, segundo as estimacións realizadas ata as 8:30 horas desta mañá.
O alcalde, Rubén Quintas, contaba esta madrugada na Radio Galega que a situación é complicada porque se trata dunha zona de difícil acceso e sopra o vento.
O rexedor explicaba tamén que a dirección dese vento axudaba a afastar as lapas das casas máis próximas e que e momento non había vivendas en risco.
O alcalde de Maceda dicía que está convencido de que o lume foi intencionado porque, segundo as informacións de medio rural, o lume iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos. Amais di que o lume se prendeu cando xa quedaba pouco tempo para que os medios aéreos puidesen traballar.
Os medios que están traballando na extinción deste incendio, segundo as informacións de Medio Rural, son un técnico, 8 axentes, 26 brigadas 12 motobombas, 3 pas, 2 avións e 3 helicópteros.
Estabilizado o incendio de Mourentán, Arbo
A Xunta daba esta noite por estabilizado o incendio que arrasou máis de 400 hectáreas no municipio pontevedrés de Arbo, na parroquia de Mourentán.
Tamén na provincia de Pontevedra, segue baixo control o lume de Ponteareas.
Pasadas as cinco da tarde deste martes tamén se declarou outro incendio forestal no Courel. Comezou na parroquia de San Pedro do Incio e queimou unhas sete hectáreas, segundo a Consellería do Medio Rural.
Ardeu unha zona limítrofe coa do grande incendio que comezou durante a primeira vaga de calor de xullo e que se dera por extinguido hai só cinco días tras arrasar 11.000 hectáreas de tres concellos da serra.
A boa noticia chegou desde Castrelo do Miño e A Cañiza, onde quedaron extinguidos os incendios forestais.