Desaloxados máis de 20 veciños e decretado o nivel 2 de alerta en Crecente por un incendio
Desaloxados máis de 20 veciños e decretado o nivel 2 de alerta en Crecente por un incendio
A Xunta activouna como medida preventiva, pola proximidade das lapas aos núcleos de poboación
O alcalde amosábase convencido na Radio Galega da intencionalidade do incendio
Explicou que os catro veciños de San Colmede, que seguían alí, tiveron que facerlle fronte ao lume sós ao estar cortada a única pista de acceso
Segundo as últimas estimacións, o lume supera as 20 hectáreas de superficie afectada
Máis de 20 persoas tiveron que ser evacuadas de madrugada dos núcleos dos Reinaldos e de Ameixeira, no concello de Crecente, por mor dun incendio forestal. Todos eles foron realoxados nun centro municipal. A Xunta de Galicia activou o nivel 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás vivendas.
O alcalde da localidade Xulio César García explicaba na Radio Galega que o incendio, que tivo o seu primeiro foco en Ameixeira, puido ser intencionado e que algúns veciños, como os de San Colmede, quedaron illados por estrada e tiveron que facer fronte eles sós ás lapas.
O lume, que avanzou con rapidez por unha zona de monte con eucaliptos e piñeiros, mesmo se achegou ao veciño concello da Cañiza. Os servizos de extinción lograron que as lapas non afectasen á A-52.
Segundo as últimas estimacións, o lume supera as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 2 técnicos, 9 axentes, 21 brigadas, 15 motobombas e 3 pas.