Un incendio nunha vivenda en Sarria obrigou a desaloxar unha familia cunha anciá encamada
Un incendio nunha vivenda en Sarria obrigou a desaloxar unha familia cunha anciá encamada
Sospéitase que o lume se orixinou nunha suba de tensión da rede eléctrica
As lapas arrasron o faiado e a cuberta da casa, de 300 metros cadrados
O lume declarado nunha vivenda de Lezoce, na parroquia sarriá de San Xulián da Veiga, obrigou a evacuar os residentes na casa, entre os que figuraba unha persoa maior que estaba encamada.
As lapas, que foron extinguidas polos bombeiros de Sarria ao cabo de varias horas de traballo, arrasaron o lousado e mais o faiado do inmoble.
José Manuel López Torres, dono da casa: "O primeiro que fixen foi subir con todos os extintores que tiña. Alguén da familia xa chamou os bombeiros directamente, que tardaron pouco tempo en presentarse. A partir de aí, intentouse apagar todo ata controlar o lume. Fixeron un boi traballo".
José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria: "Ao chegar alí, montamos dúas liñas de auga e procedemos ao control do incendio. Logo removemos os refugallos para a refrixeración e a total extinción do incendio".
Sospéitase que o lume puido orixinarse nunha suba de tensión ou nun curtocircuíto. De feito, varios dos aparellos que estaban conectados quedaron estragados.
José Manuel López Torres, dono da casa: "Tiña que haber unha avaría nalgures. Se poñías o xerador, funcionaba todo de marabilla, pero se te enganchabas á rede quedabas exposto ao que pasou, a que houbera un chispazo en calquera momento".
Foi a propia familia afectada a que detectou o incendio, aínda que os veciños tamén foron alertados polo fume. Todos coinciden en que o lume puido provocar unha desgraza se se chega a declarar de noite.