Un lucense atesoura na súa casa preto de 5.000 libros dedicados polos seus autores
Podería ser a maior colección do mundo de exemplares asinados para unha soa persoa, polo que opta a obter o récord Guinness
Un veciño de Lugo, Ángel Patricio Rodríguez, opta a un récord Guinness moi especial. No salón da súa casa ten preto de 5.000 libros dedicados por máis de 1.500 autores, unha colección que iniciou hai medio século.
"Cando tiña doce ou trece anos, adoitaban vir á casa escritores como Ánxel Fole ou Narciso Peinado, para ver o avó, e un día ocorréuseme que me dedicaran un libro. Despois xa empezaron outros autores, dos moitos que había aquí en Lugo", sinala o dono da colección.
Na súa biblioteca particular por partida dobre, este lucense garda volumes coa sinatura de varios premios Nobel, coma o galego Camilo José Cela. E no caso de Vicente Aleixandre, atesoura o derradeiro exemplar que firmou o poeta.
"Aquela mesma tarde el enfermou. E foi cando o ingresaron e faleceu. A súa irmá mandoume un certificado conforme ese libro fora o derradeiro que dedicara. E dous libros asinados por Rafael Alberti recibinos o mesmo día que o enterraban", lembra Ángel Patricio.
Tocante ao récord Guinness, o seu único competidor é un alemán que apenas chega á metade de exemplares. Conta, por tanto, con ser nomeado oficialmente, en cuestión de semanas, a persoa con máis libros dedicados de todo o mundo.