Un incendio, posiblemente intencionado, queima un coche en Redondela
Un incendio, posiblemente intencionado, queima un coche en Redondela
No lugar do incendio apareceron varias pastillas de acender o lume e as chaves do coche tiradas na estrada
As explosións provocadas polo incendio que devorou este vehículo foi o que alertou os veciños e veciñas desta rúa do Gaio, en Chapela, pasada a media noite.
"Nisto xa oín a miña cuñada e a meu irmán que se levantaban e preguntei que pasara. Dixéronme que nada que hai un coche que parece que explotou e xa vimos o coche ardendo coas portas abertas. Segundo nos dixo un veciño de aquí, sentiron que un coche saíu a toda velocidade e xa viron o coche e achegáronse para ver se había alguén dentro".
Os veciños e veciñas, tras constatar que non había persoas no interior, chamaron o 112. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do Porriño, que conseguiron extinguir un incendio que afectou varios colectores de lixo e ameazou con propagarse ata unha zona arborada que estaba a carón do coche. Roberto Domínguez, bombeiro do Porriño.
"Cando nós chegamos o coche estaba completamente envolto en lapas e tamén había propagación ao lixo que había nos colectores e tamén estaba ascendendo por unha parede con silveiras que ían cara a un pequeno parque forestal".
Un incendio con indicios de que puido ser intencionado. A carón do coche apareceron unhas pastillas que se utilizan para acender o lume das grellas e as propias chaves do vehículo apareceron tiradas no camiño.
"É un punto que están investigando a Policía Nacional e Local xa que hai varios indicios de que o lume puido ser provocado".
Ata o lugar achegouse este luns unha dotación da Policía Científica para examinar o coche, un Opel Zafira, que podería pertencer a unha veciña de Vigo.