Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un manto de auga cobre dende hai días o paseo da Madalena, en Cabanas

Un manto de auga cobre dende hai días o paseo da Madalena, en Cabanas

As bombas traballan día e noite para achicar a auga, pero as vivendas de primeira liña aínda teñen sotos e xardíns anegados

G24.gal 05/03/2024 15:21 Última actualización 05/03/2024 16:04

Un manto de auga cobre aínda o acceso as vivendas no paseo da Madalena en Cabanas. Hai días que se anegou a zona, deixando estampas nunca vistas aquí.

"Coma isto, xamais -di unha veciña-. Non se pode acceder á casa nin no coche". Outro asegura que chegaron a ver patos nos xardíns anegados, "así que podes imaxinar o nivel", comenta. 

As vivendas están moi ao límite do nivel do mar, incluso por baixo, así que é unha zona complicada cando chove. Pero nunca tanto. 

"Isto pasa todos os anos pero a auga vaise cando deixa de chover, nunha hora ou dúas", di un veciño. Outro comenta que os problemas comezaron "dende que empezaron as obras" e que antes "nunca pasara isto".

Bótanlles a culpa ás obras para mellorar a rede de saneamento, que arrancaron en novembro. Dende o concello cren que sumaron outros factores no desastre.

Segundo o alcalde, Fernando Couce, a finais de febreiro chegouse á marca histórica de chuvia na zona. Xunto ao nivel freático "que xa estaba moi alto dende novembro", que "había anos que non se limpaban os rexistros e arquetas", e as obras do saneamento causaron o problema.

Está previsto que as obras rematen antes do verán. Segundo o alcalde, serán unha "solución definitiva" para evitar asolagamentos. "Están a facer un sumidoiro de 1.200 litros de capacidade cada tubaxe, e un tanque de tormentas que vai ter unha capacidade moi alta", explica Couce.

O Concello apura a limpeza de arquetas e sumidoiros, e na obra unha bomba traballa día e noite para achicar 6.000 litros de auga por minuto. A estrada está case limpa, e falta por ver cando darán aliviado as casas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade