Un bar de praia de Cabanas, na lista dos mellores de España
Un bar de praia de Cabanas, na lista dos mellores de España
Tapas Magazine leva anos destacándoo
O local tamén estivo na lista Forbes
Chámase Los Pinares, está sobre a area da praia da Magdalena, en Cabanas, e a revista gastronómica Tapas vén de incluílo entre os 26 mellores de España. Leva anos recibindo esta distinción, entre outras. Estivo incluso na lista Forbes.
"Se ti lle das á xente o que a ti che gustaría que che deran e o fas con cariño porque che gusta e gozas vendo a xente pasándoo ben, eu creo que non hai máis segredo que ese", asegura o propietario José Manuel Saavedra Pérez.
Los Pinares ten unha carta curta, traballada con produto de proximidade. Unha das súas especialidades é a paella cabanesa: un arroz caldoso con berberechos que rexistraron na oficina de patentes e do que sacan ao día máis dun cento de racións.
"Elaborado con moito cariño, produtos da zona e un berberecho de aquí, da ría, superfresco", explica María Jesús Darriba, a xefa da cociña.
"Nós non temos pokes nin cousas desas raras. Temos comida galega orixinal. Os tomates cóllense en María José, aí ao lado, os percebes aí, as parrochas igual. É todo de aquí", asevera José Manuel.
O local está ao pé dun piñeiral, nunha praia de area branca e augas tranquilas. Algúns clientes van só comer pero outros botan o día alí.
"A comida, espectacular; e a praia, cos nenos encantados. Seguramente repitamos", di un dos clientes.
"Un bar de praia de Galicia de toda a vida", define outro.
José Manuel é a terceira xeración á fronte do bar, que se levantou nos anos 50. O antigo merendeiro frecuentado por pescadores é hoxe un restaurante de verán que bota man da intelixencia artificial para as reservas e que busca dar un servizo inclusivo.
"Xa temos carta en Braille para persoas invidentes, en linguaxe de signos para persoas que non escoitan e agora certificámonos como o único local de toda Galicia para persoas con autismo", conta o propietario.
A revista Tapas, que foi premio nacional de gastronomía en 2015, define Los Pinares como un referente na comarca.