A primeira colleita exitosa de 'huitlacoche' galego
A primeira colleita exitosa de 'huitlacoche' galego
Os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo afirman que se trata dun produto de excelente calidade
Investigan o cultivo deste ingrediente mexicano en variedades tradicionais de millo
O huitlacoche é un ingrediente propio da cociña mexicana que polo momento non se cultiva en Europa. Dado o actual pulo da gastronomía do país americano, no campus lugués están a realizar probas con variedades tradicionais de millo, inoculando un fungo nas mazarocas.
Tras o éxito das probas, a inoculación no millo corvo nunha parcela experimental deu a primeira colleita galega de huitlacoche. Segundo os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, trátase dun produto de excelente calidade.
Cristina Cabaleiro, profesora da EPSE do Campus de Lugo: "Na primeira inoculación tivemos un éxito do 50 por cento das mazarocas, con bugallos de moi boa calidade. Temos que dar coa forma de inocular que permita mazarocas co 80 ou 90 por cento cuberto".
Malia a cada vez maior presenza dos pratos mexicanos, polo momento no mercado europeo non existe o huitlacoche en fresco, senón só en conserva. De saír adiante unha produción local, suporía unha boa nova para os restaurantes especializados.
Mariano Garrido, xerente da Taquería El Sagrado de Lugo: "Esta investigación xéranos unha expectativa xigantesca. De producirse aquí, sería moito máis fácil conseguilo e podería incluírse entre os pratiños que preparamos".
A investigación posúe tamén potencial para outros sectores, como a horticultura ecolóxica ou a gandería, ao se tratar dunha produción compatible coa do gran.