Un morto e un ferido grave ao saír da vía un coche en Cortegada
Un morto e un ferido grave ao saír da vía un coche en Cortegada
Nin o condutor falecido nin o seu acompañante levaban posto o cinto de seguridade
O accidente en que faleceu o condutor dun turismo e sufriu feridas graves o seu acompañante ocorreu contra as cinco da tarde na estrada que une Ribadavia con Cortegada e a fronteira portuguesa. Foi unha saída de vía moi aparatosa.
"Atravesou pola marxe dereita a estrada e caeu nunha parcela privada a distinto nivel. O coche está como a uns 200 metros da estrada", explicou Javier Barja, capitán xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.
Na investigación das causas do sinistro descartan que tivese que ver co estado da vía ou as condicións meteorolóxicas.
"O asfalto está recentemente botado e a visibilidade do trazado da curva é tamén bo", di o capitán Barja.
O que non era bo era estado das rodas do vehículo e hai indicios de que o coche ía demasiado rápido.
"As primeiras hipóteses apuntan a un exceso de velocidade. E unha combinación que ultimamente resulta moi perigosa que é o non uso do cinto de seguridade. Ningún dos dous usuarios do vehículo o levaban", asegura o xefe do subsector de Tráfico.
O condutor falecido saíu despedido do vehículo. Tiña 35 anos, era natural de Cortegada, pero veciño do barrio ourensán da Valenzá.