A acusada do crime de Cortegada recoñece que matou a vítima e despezou o cadáver
A acusada do crime de Cortegada recoñece que matou a vítima e despezou o cadáver
"Deille pastillas e asfixieino" relatou na súa declaración durante o xuízo onde tamén explicou que despois de matalo púxolle lume, partiu o corpo cunha pa e despois tirou os restos no monte
O seu avogado di que non era dona dos seus actos polos problemas de saúde mental que padece
A muller acusada de matar un home, en agosto de 2021 en Cortegada, a quen coñecera por Internet, recoñeceu este luns os feitos, ante o tribunal de xurado constituído na Audiencia Provincial de Ourense.
Na primeira xornada deste xuízo declarou a procesada, que no momento dos feitos tiña 26 anos. Segundo relatou, coñeceu o home, quen tiña 53 anos, a través de Internet e, tras falar "un mes ou dous", ambos acordaron que a vítima se trasladase á residencia da acusada para coñecerse en persoa.
Así, el voou desde Barcelona (residía en Castelldefels) ata Vigo, onde a acusada o recolleu para trasladalo á súa vivenda nunha aldea do concello ourensán de Cortegada. Alí conviviron un par de días, pero segundo o relato da muller con "moitas discusións".
Nunha declaración de menos de tres minutos, na que non explicou os motivos, recoñeceu, a preguntas da Fiscal, que o matou.
"Vostede matou a José María? Si", recoñécelle á fiscala. "Deille pastillas e asfixieino", explicou, antes de responder cun "si", á pregunta de se o facía cunha almofada.
Igualmente, a preguntas da Fiscalía, recoñeceu que calcinou o corpo asperxéndoo con gasolina e prendendo lume, e que o partiu cunha pa, antes de meter os restos nunha bolsa e tiralos no monte.
"Unha vez que o corpo de José María está medio queimado, despezouno e machacouno cunha pa grande? Si. E que fixo cos restos? Metinos nunha bolsa e tireinos ao bosque", relatou ante as preguntas da fiscala.
O Ministerio Público solicita por estes feitos, que cualifica como asasinato, a pena de 18 anos de prisión, así como o pago de 70.000 euros de indemnización para a filla do falecido e de 65.000 euros para a nai.
Tamén pide a aplicación da atenuante de alteración psíquica, xa que a acusada sufría eses trastornos de ansiedade e obsesivo compulsivo, cunha afectación moderada no momento de cometer o crime (aínda que non cando manipulou e fixo desaparecer o cadáver).
A defensa, que solicita a súa libre absolución, solicitou en cambio "que non se lle dea as costas" á muller, que padece un trastorno psicolóxico e psiquiátrico, e que se lle proporcione unha "segunda oportunidade" polo principio de igualdade de oportunidades, de tal forma que se lle someta a tratamento médico e non se dite o seu ingreso en prisión.
"Para darlle a oportunidade de recibir un tratamento médico que a axude e do que leva moitos anos privada", dicía o avogado da defensa.
A Garda Civil atopou no seu día un pé enterrado nunha leira próxima á vivenda da acusada, e xa daquela confesara que asasinara o seu amante despois de sedalo e asfixialo cunha almofada.
Durante o xuízo, os axentes que levaron a investigación coincidiron en que a muller, a pesar de que tentou ocultar inicialmente o crime, despois confesou o que fixera e mostrouse colaboradora. Mostrou aos axentes cada un dos lugares polos que esparexera o corpo despois de queimalo.
A maior parte dos fragmentos foron localizados nunha fogueira que realizara na parte máis afastada da leira, despois de que os veciños se queixasen de que unha anterior que fixera desprendía un forte cheiro "a churrasco queimado".
Outras tres bolsas que estaban nos arredores contiñan vísceras e obxectos persoais da vítima, entre os que estaban xogos dunha videoconsola.
O forense Fernando Serrulla subliñou que o estado do cadáver permite concluír que foi unha morte homicida. "É suxestivo que o cadáver se carbonice no interior da leira e apareza tan fragmentado", dixo este profesional, quen chamou a atención sobre a forma "tan exhaustiva" en que apareceu fragmentado o cadáver, pois "iso só ocorre cando tras queimalo buscouse fragmentalo".
Os psicólogos e psiquiatras coincidiron en que a muller padece un trastorno de ansiedade xeneralizada e obsesivo compulsivo, ten unha personalidade inmatura e isto provocou que non se adaptou ben á vida social, aínda que "comprende" a diferenza entre o ben e o mal.
Unha exparella da acusada manifestou que a muller tiña "moitos toc" e que en ocasións se "descontrolaba" ata o punto de que "algunha vez saltábase a medicación".