Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rebaixan a menos da metade a pena solicitada para a acusada polo crime de Cortegada

Rebaixan a menos da metade a pena solicitada para a acusada polo crime de Cortegada

A segunda e derradeira sesión do xuízo polo crime de Cortegada causou sorpresa na sala

A fiscala rebaixou a pena solicitada para a acusada de 18 a 8 anos de prisión

Unha medida coa que estivo de acordo o avogado da defensa, que inicialmente pedía a libre absolución

G24.gal 22/10/2024 14:25

Tras a declaración de todas as testemuñas e peritos, a fiscala mantén que o crime cometido, e confesado pola acusada, é un asasinato con aleivosía.

"Por iso falamos de asasinato: porque primeiro decidiu drogalo, para que el non tivera posibilidade algunha de defenderse do ataque que ela ía facer", explica a fiscala dirixíndose ao xurado.

Así e todo, o ministerio fiscal rebaixa de 18 a 8 anos a pena solicitada por tres razóns: a primeira, o trastorno límite da personalidade que sofre a acusada.

"É preciso que a acusada, antes de ser castigada, reciba un tratamento psiquiátrico acorde ás súas necesidades", sinala a fiscala.

Atenuantes

Tamén tivo en conta dúas atenuantes: a confesión e colaboración para resolver o crime, e a reparación do dano: malia a non ter patrimonio, a acusada logrou reunir 10.000 euros para indemnizar a familia da vítima.

A ollos do seu avogado, ela mesma é tamén unha vítima. No relato perante o xurado, recordou que a acusada sufrira abusos sexuais na infancia e que nunca recibiu un tratamento médico axeitado malia os seus problemas psiquiátricos.

"O único que lles pedimos é congruencia: temos unha persoa que non pode conducir, non pode coidar a súa filla, non pode traballar... Agora non podemos pretender que caia sobre ela todo o peso da lei", conclúe o avogado da defensa, dirixíndose ao xurado.

Defensa e fiscalía está de acordo na pena solicitada, pero primeiro ten que pronunciarse o veredicto do xurado popular, que xa está deliberando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade