Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un mosaico humano conforma a bandeira palestina en Santiago

Un mosaico humano conforma a bandeira palestina en Santiago

Os participantes no acto denunciaron o "xenocidio" que consideran que están a perpetrar as autoridades de Israel en Gaza

Manifestacións por toda España reclaman o cesamento do fogo en Gaza e piden ao Goberno que rompa todo tipo de relacións con Israel

 

Mosaico da bandeira de Palestina na praza da Quintana, en Santiago
G24.gal 21/04/2024 16:22 Última actualización 21/04/2024 21:03

Varios centos de persoas acudiron este domingo en Santiago de Compostela á instalación dun mosáico simbólico da bandeira palestina para expresar a súa solidariedade co sufrimento da poboación de Gaza pola incursión militar israelí. A iniciativa desenvolveuse na praza da Quintana e foi promovida polas asociacións Galaico Árabe Jenin, BDS-Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina.

A manifestación estivo animada por música palestina e grupos galegos. Tamén estivo presente o fundador da asociación Pallasos em Rebeldía, Iván Prado, que levou a cabo no pasado varias iniciativas nos territorios ocupados por Israel a favor dos nenos palestinos.

Os participantes nesta manifestación, entre os que figuraban a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, denunciaron o "xenocidio" que consideran que están a perpetrar as autoridades de Israel en Gaza, como castigo colectivo contra a poboación, tras a matanza perpetrada o pasado 7 de outubro por membros do movemento Hamas nun festival de música electrónica.

Manifestacións por toda España

A de Santiago foi só unha das manifestacións que se celebraron este domingo por un centenar de cidades de toda España, nas que se reclamou un cesamento do fogo en Palestina e se pediu Goberno que rompa todo tipo de relacións con Israel.

As manifestacións foron convocadas pola Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina (Rescop), que esixiu ao Goberno de Pedro Sánchez o fin do comercio de armas e relacións con Israel, así como a liberdade das "máis de 7.000 persoas detidas de maneira irregular polo Goberno de Netanyahu".

Entre estas mobilizacións destaca a de Valencia, onde entre 10.000 e 20.000 persoas recorreron as rúas nunha marcha multitudinaria. Tamén estivo moi presente a xente de Pamplona, onde acudiron 3.500 persoas. Pola súa banda, Andalucía reuniu a centos de persoas para reclamar a fin da guerra en cidades como Sevilla, Málaga ou Granada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade