Un mozo de Oroso rescata o seu veciño dun incendio
Un mozo de Oroso rescata o seu veciño dun incendio
Crese que as lapas comezaron por un curtocircuíto
O home está ben e non precisou traslado ao hospital
Pasaban uns minutos das catro e media da tarde cando varias persoas viron un home pedindo socorro dende a súa casa, na rúa Toxeira, en Sigüeiro. Había un incendio no piso e o home estaba atrapado polo lume. Un veciño foi socorrelo.
"Entrei no edificio a ver como estaba a situación, avisei os veciños para que saísen, pero el non daba chegado porque estaba na outra punta do piso. Intentei romper a porta co extintor e non fun capaz. Fun á ferraxería e collín unha machada grande. Rompín a porta e quixen entrar, pero non puiden, entrei tres metros e o fume comíame, non fun capaz de entrar", di Christian Rivas, o mozo que rescatou o veciño dun incendio.
Daquela, o rescatador abriu todas as ventás do corredor do edificio: "Ao abrir as ventás do edificio comezou a saír fume e en dez minutos baleirouse o fume do piso e xa conseguiu saír polo seu pé".
O home estaba durmindo cando comezou o lume. Todo apunta a que as lapas se iniciaron por un fallo eléctrico.
"Un curtocircuíto que provocou un incendio. A persoa que estaba dentro estaba durmindo e cando se decatou o lume xa afectara o salón e el foi refuxiarse a un cuarto ata que chegaron os servizos de emerxencia que axudaron a rescatalo", conta o alcalde de Oroso, Luis Rei Villaverde.
O piso sufriu danos importantes. Pero grazas á intervención do seu veciño, o home está ben e nin sequera precisou acudir ao hospital.