Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un piloto galego no choque de dúas aeronaves nun festival aéreo en Portugal

Morre un piloto galego no choque de dúas aeronaves nun festival aéreo en Portugal

O accidente, que causou ademais un ferido de nacionalidade lusa, ocorreu na localidade de Beja, no sur do país 

O falecido era integrante da patrulla acrobática ibérica Yakstars, constituída por españois e portugueses

Foto: RTP
G24.gal 02/06/2024 21:03 Última actualización 02/06/2024 23:25

O piloto galego Manuel Rey Cordeiro morreu este domingo despois de que o avión que conducía chocara con outro durante un festival aéreo na localidade de Beja (no sur de Portugal), nun accidente que causou ademais un ferido de nacionalidade lusa.

O falecido, nado en Vigo no 1962 e residente en Sigüeiro, era piloto da patrulla acrobática ibérica Yakstars, constituída por españois e portugueses, e participaba no festival Beja AirShow, informou nun comunicado a Forza Aérea Portuguesa.

Manuel Manuel "Coco" Rey Cordeiro pilotando un dos aparellos de acrobacia aérea /Arquivo

O piloto da outra aeronave, de nacionalidade portuguesa e da mesma patrulla, quedou ferido leve e foi asistido polos servizos médicos no lugar do accidente. Posteriormente, foi conducido ao hospital de Beja "por precaución", explicou a Forza Aérea.

O accidente produciuse ás 16:00 horas e o evento foi inmediatamente interrompido. Un dos avións caeu fóra do perímetro da base aérea onde se celebraba o festival e o outro aterrou na unidade.

A Forza Aérea expresou o seu "pesar e consternación" polo ocorrido e trasladoulle as súas condolencias á familia da vítima. As causas do accidente están baixo investigación.

Yakstars é o maior equipo civil de exhibición acrobática do sur de Europa e un dos maiores do mundo, segundo a páxina web da Forza Aérea. Ten como bases Casarrubios, en España, e Ponte de Sôr, en Portugal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade