Publicador de contidos
Publicador de contidos

Loito en Oroso polo piloto falecido nunha exhibición aérea en Portugal

Loito en Oroso polo piloto falecido nunha exhibición aérea en Portugal

Minuto de silencio na praza do Concello en memoria do piloto falecido
G24.gal 03/06/2024 14:31

O accidente producíase á tardiña, no segundo día do festival aéreo que se celebraba na localidade portuguesa de Beja. Por causas que se investigan, dúas avionetas bateron no aire: unha conseguiu aterrar de emerxencia, pero a outra, a que pilotaba Manuel Rey, estrelouse e ardeu, segundo informou a Forza Aérea portuguesa.

Nada puideron facer por salvarlle a vida a Manuel, coñecido como Coco, un piloto con moita experiencia en voos acrobáticos e comerciais. 

"Coco era unha persoa con 18.000 horas de voo, comandante de Vueling, e xa traballara tamén con outras compañías", explica Fernando Beteta, compañeiro do falecido, e tamén piloto.

"Estaba considerado neste momento un dos mellores pilotos acrobáticos de Europa. Tiña unha experiencia impresionante, e facía unhas manobras tremendamente espectaculares", engade Beteta, que afirma que o accidente foi "un shock tremendo" e "inesperado".

Amigos e veciños manifestaron esa consternación en Oroso, onde residía dende hai anos o falecido, de orixe viguesa. Na súa memoria, dedicáronlle un minuto de silencio na praza do Concello. "É unha maneira de recoñecer esa desgraza que ocorreu -di o alcalde, Álex Doval- e dar o noso apoio á familia e os seres queridos desta persoa tan coñecida aquí".

Pésame ao que se sumaron múltiples condolencias a través das redes sociais. Institucións portuguesas e españolas, afeccionados, organizacións do sector da aviación e compañeiros do falecido manifestaron o seu pesar polo sinistro. Quixeron lembrar a longa traxectoria de Coco, e lembralo a el pilotando, a que era -din- a súa gran paixón. 

"Érao, sen dúbida" di seu amigo Beteta. "Lembrarémolo como gran persoa e gran piloto", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade