Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estes son os tres municipios galegos que lograron un saldo vexetativo positivo en 2023

Estes son os tres municipios galegos que lograron un saldo vexetativo positivo en 2023

Ames, Oroso e Corcubión rexistraron máis nacementos que mortes o ano pasado

Hai máis de trinta anos que o conxunto de Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo

G24.gal 27/09/2024 13:36 Última actualización 27/09/2024 19:15

O saldo vexetativo -a diferenza entre nacementos e defuncións- volveu ser negativo en Galicia en 2023, con 18.713 persoas menos, un descenso do 8,7 % con respecto a 2022, segundo os datos provisionais do Movemento natural da poboación elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

 

Hai máis de trinta anos que o conxunto de Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo, lembra o IGE que, sinala, que unicamente tres dos 313 municipios galegos tiveron máis nacementos que defuncións o pasado ano.

Trátase de Ames, Oroso e Corcubión, todos na provincia da Coruña, con 47, 2 e 2 nacementos máis que falecementos, respectivamente, o ano pasado.

Á parte, en Oza-Cesuras (A Coruña) e en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), os únicos municipios fusionados en Galicia, non constan datos e en Negueira de Muñiz (Lugo) e Mondariz Balnerario (Pontevedra) o saldo foi neutro.

No resto de Galicia o saldo foi negativo; incluídas as sete cidades, onde Vigo (-1.439) e A Coruña (-1.237) tiveron os peores rexistros.

Pero a diferenza entre nacementos e mortes tamén foi negativa en Ourense (-679), Ferrol (-570), Lugo (-455), Pontevedra (-363) e Santiago de Compostela (-349).

O estudo sinala, ademais, que case catro de cada cinco nais (78,9 %) en Galicia en 2023 tiñan entre 30 e 44 anos; cando dez anos antes esta porcentaxe era do 76,8 %, dous puntos menos.

As mulleres que foron nais entre os 40 e os 44 anos pasaron do 7,9 % de 2013 (1.571) ao 12,8 de 2023 (1.800).

13.975 nenos o ano pasado

No conxunto de Galicia naceron 13.975 nenos o pasado ano, un 3,59 % que en 2022, co que continúa o descenso anual ininterrompido iniciado en 2009. Practicamente catro de cada cinco nacementos (78,2 %) producíronse nas provincias da Coruña e Pontevedra.

En 2023, tamén faleceron en Galicia 32.688 persoas, un 6,6 por cento menos que o ano anterior.

O estudo elaborado polo IGE inclúe os datos de matrimonios, que en Galicia caeron en 2023 nun 3,7 por cento en total respecto ao ano anterior, ata os 9.150.

A inmensa maioría son entre homes e mulleres, o 97,7 %. Os matrimonios entre dous homes foron 101, un 12,1 % menos que o ano anterior e as unións matrimoniais entre dúas mulleres caeron un 17,6 %, ata as 103, segundo os datos divulgados este venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade