Un novo fármaco subvencionado permite deixar de fumar en menos dun mes
Un novo fármaco subvencionado permite deixar de fumar en menos dun mes
O medicamento diminúe o desexo de fumar e non presenta efectos secundarios
Está subvencionado pola Seguridade Social, polo que o seu prezo baixou case á metade
As farmacias xa están a recibir o medicamento para axudar os máis de catrocentos mil galegos que aínda fuman a deixar este hábito prexudicial. Acaba de financialo a seguridade social, polo que o seu prezo inicial de douscentos euros se reduciu case á metade. Pero, ademais, actúa en moi pouco tempo, uns vinte e cinco días, e carece de efectos secundarios.
"O que fai o medicamento é desprazar a nicotina dos seus receptores, onde produce os efectos perniciosos do tabaco, e pouco a pouco conséguese que a dependencia física sexa moito menor e que sexa moito máis doado deixar de fumar", explica Vicente Jairo, vicepresidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense.
A porcentaxe de éxito deste medicamento supera o 40 por cento, aínda que algúns estudos elevan este índice, e triplica as probabilidades de deixar de fumar. E é que o principio activo do fármaco, a citisina, actúa sobre a dependencia física do tabaco pero non sobre a psicolóxica, polo que cómpre a prescrición médica.
"É o médico o que valora se vai prescribir o fármaco ou non. E o primeiro é a firme vontade de deixar de fumar. Outro criterio é ter fumado a diario máis de dez cigarros e pásanlle tamén un pequeno test", engade Vicente Jairo.
Aínda que o tratamento só se pode recibir unha vez ao ano de xeito subvencionado, podería axudar a evitar parte dos sesenta mil falecementos relacionados co tabaco que se producen en España anualmente.