Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un novo tremor de terra sacode Afganistán

Un novo tremor de terra sacode Afganistán

O Goberno talibán elevou a 2.400 os falecidos a causa dos sismos da fin de semana

G24.gal 09/10/2023 14:44

A vila de Kashkak é unha das 13 do distrito de Zindah, en que non quedou unha casa en pé. Unha escavadora axudaba hoxe aos veciños a abrir tumbas para enterrar as vítimas desta cativa poboación rural. A xente segue buscando superviventes entre as ruínas das casas e os mortos seguen aparecendo.

E no medio da busca, un novo terremoto de magnitude 4,9 sacode a zona. Logo dos sismos da fin de semana o Goberno talibán subiu os falecidos a 2.400, pero esa non será a cifra final, entre outras cousas porque hai 500 desaparecidos.

Gulzada está sentada canda os restos da súa casa. O tremor enterrounos baixo a area, di. "Eu estaba ferida na cabeza e a miña filla choraba. Pedíalles aos irmáns que a desenterraran, pero ninguén me escoitou, morreu, e outra filla está desaparecida".

Á zona comezou a chegar a primeira axuda para os superviventes, pero o país está desbordado pola catástrofe. Os hospitais están saturados e apenas teñen recursos para atender os máis de 2.000 feridos que seguen chegando.

Co seu fillo ferido no colo, Ahmad conta que outro fillo seu morreu e un máis está ferido tamén. O peor é que, tras ser atendidos nos hospitais, as vítimas non teñen casa á que regresar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar