Un pai de Vigo denuncia ameazas e malleiras a seu fillo adolescente por parte dunha cuadrilla de menores
Un pai de Vigo denuncia ameazas e malleiras a seu fillo adolescente por parte dunha cuadrilla de menores
Un pai de Vigo denuncia ameazas e malleiras a seu fillo adolescente por parte dunha cuadrilla de menores
O acoso e os insultos comezaron con doce anos e agraváronse cunha brutal malleira o pasado mes de novembro
O adolescente, que agora ten 14 anos, tivo que recibir varios puntos de sutura nunha orella
A policía identificou os presuntos agresores, un deles xa a disposición da fiscalía de menores, e interviñéronlles unha pistola táser e navallas
A loita dun pai de Vigo por denunciar o acoso e maltrato que sofre seu fillo saltou aos medios estes días cando o proxenitor denunciou facer público o calvario que vive o adolescente. Todo comezou, segundo relata Juan, nome ficticio do pai, no transcurso dun partido de fútbol, cando o neno apenas tiña doce anos.
"Un grupo de rapaces do outro equipo comezou a insultar e provocar e incitaba ao resto de compañeiros a meterse co meu fillo. A nai máis eu chamámoslle a atención aos rapaces e aí parecía que se calmou a cousa", relata o pai.
Pero as ameazas, insultos e o maltrato por parte dese grupo de menores continuou ao longo deste tempo.
"Pedíanlle cartos, metíanse con el e non o deixaban en paz. Pero eu diso non me decatei ata o momento do botellazo, porque o rapaz no mo contou", di Juan.
O "momento do botellazo" produciuse o pasado mes de setembro, na viguesa praza da Estrela, onde adoitan concentrarse os adolescentes. A vítima quedara alí cunhas amigas, cando se presentaron algúns membros do grupo de acosadores.
"Comezaron a meterse co meu fillo, pegándolle puñadas no peito. El viuse rodeado de xente e tivo medo. Colleu unha botella do chan e golpeuno con ela na cara a un dos agresores. Logo fuxiu", comenta o pai.
A partir de aí todo foi a peor. A cuadrilla, que nas redes sociais se autodenomina 'A-45', localizouno o pasado 23 de novembro na zona do Náutico.
"De súpeto viuse rodeado por uns 25 rapaces que comezaron a darlle patadas e puñadas. Menos mal que un amigo logrou quitarlle a dous de enriba, e por iso tamén recibiu varias puñadas, e meu fillo puido saír correndo", conta.
O rapaz logrou refuxiarse nun bar ata que chegou seu pai e a policía. No hospital tiveron que darlle varios puntos de sutura na orella. As forzas de seguridade identificaron polo menos cinco dos agresores.
Un deles foi detido e posto a disposición da Fiscalía de Menores. Interviñéronlles unha pistola táser e navallas. O rapaz trata de recuperar a normalidade na súa vida, aínda que con dificultade.
"El non entende porque seus agresores andan libres pola rúa e el non pode pasear seguro e relaxado como lle gustaría, iso cústalle entendelo", asegura o pai.
A raíz da denuncia pública, xurdíronlle amigos noutras localidades da contorna para que non lle falte un lugar onde pasear e divertirse tranquilo.