Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un pequeno raio de luz, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Un pequeno raio de luz, por Venancio Salcines

G24.gal 20/10/2022 08:14

Os prezos da enerxía soamente son baixos se coinciden á vez unha serie de elementos, os cales, polo normal, no soen nunca cadrar á vez, agás estes días. Agora todo vai nunha mesma dirección, menor demanda de gas e polo tanto baixada directa do prezo da enerxía.

Que é o que está a ocorrer? Os almacéns de gas están cheos, non cabe máis gas. O gran comprador, que é Europa, non pode mercar máis porque non ten onde metelo. Os barcos andan polo Atlántico e polo Mediterráneo buscando un porto onde descargar e non o encontran. Agora mesmo hai ducias de metaneiros fronte ás nosas costas esperando que algunha regasificadora lles merque o gas licuado. É obviamente mellor vender barato que non vender.

A maiores, non temos, nin en Europa nin en España, a industria en máximos. Se a isto lle sumamos que as temperaturas aínda non requiren do uso de calefacción, encontramos que a demanda está comedida. E se non chegan os motivos, a produción de renovables sitúase nunha situación óptima: os ceos están descubertos e os ventos dan movido os nosos eólicos. Polo tanto, todos os astros bailan a mesma canción.

Situación permanente? En absoluto. A demanda crecerá co inverno, os almacéns de gas deixarán de estar a rebordar e a produción de renovables encóntrase con días mais curtos, con menos horas solares, algúns nubrados e sen choiva, é dicir, nada que non tiveramos xa visto a principios de este ano. En todo caso, esta situación vai impactar directamente na inflación, e entre tanta borrasca económica achega un raio de luz, pasaxeiro, pero ao fin e ao cabo, raio de luz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade