Un perigoso delincuente podería estar detrás da desaparición dun veciño de Mazaricos
Un perigoso delincuente podería estar detrás da desaparición dun veciño de Mazaricos
A José Manuel Martínez Quintáns, alcumado Pandolo, tamén o vinculan con outra desaparición en Culleredo
Antonio Tuñas desapeceu en decembro e agora buscan algunha pista nas Paxareiras, en Carnota
Un amplo dispositivo da Garda Civil, ao que se sumaron efectivos de Protección Civil e bombeiros, reactivou a busca de Antonio Tuñas Vieites. O operativo partiu desde o alto das Paxareiras e está dirixido polo equipo de persoas desaparecidas da Policía Xudicial da Coruña, o mesmo que se encargou do caso Diana Quer.
Antonio Tuñas Vieites, de 72 anos, desapareceu en decembro do ano pasado. O último sinal do móbil e da pulseira de teleasistencia situábao preto da súa casa de Mazaricos. Pero o seu vehículo apareceu en Carballo. Co asento do condutor movido cara atrás e o cinceiro cheo de cabichas. Antonio non fumaba nin deixaba fumar dentro de coche.
Axiña se investigou como unha desaparición forzada. E rexistraron a casa dun dos seus veciños, Manuel Martínez Quintáns, alcumado Pandolo, un coñecido delincuente da zona que gozaba dun permiso penitenciario cando desapareceu Antonio.
Pandolo segue no foco dos investigadores que tamén o vinculan coa desaparición en maio deste ano doutro home en Culleredo. Javier Iglesias, de 50 anos vivía neste chalé de Orro. Na casa había restos de sangue, pero nunca máis se soubo del.
Non transcendeu que grao de vínculo se investiga entre Pandolo e estas dúas desaparicións sospeitosas. Pandolo ten un amplo historial delituoso. Está considerado un perigoso atracador e atópase en prisión por quebrantamento de condena e pendente de ser xulgado por tres delitos de homicidio en grao de tentativa.