Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un plan de cen medidas ata 2030 pretende defender o patrimonio e a cultura marítima de Galicia

Un plan de cen medidas ata 2030 pretende defender o patrimonio e a cultura marítima de Galicia

Varadoiros, fábricas de salazón ou as estruturas dos secadoiros de congro de Muxía son considerados como inmobles con valor patrimonial

G24.gal 07/08/2024 14:59

Galicia é unha das primeiras comunidades de Europa que vai contar cun Plan de cultura marítima para poñer en valor o patrimonio vencellado á actividade pesqueira que se desenvolve desde hai milenios nas nosas costas. O plan quere valorizar e dar a coñecer vestixios arqueolóxicos, vellas carpinterías de ribeira, fábricas de salgadura ou secadoiros de congro, como os de Muxía, que hoxe foi visitar o conselleiro de Pesca.  

As follas de congro comercialízanse secas como as do bacallau, salgadas ou non, e úsanse sobre todo para potaxes e sobre todo en Aragón. Xa hai dez anos que os secadoiros á intemperie deixaron de usarse por normativa sanitaria. Hoxe consérvanse as vellas estruturas de madeira que seguen a ser un emblema de Muxía. Carla Castro,  pertencente á única familia que continúa aquí coa tradición de secar congro, di que hai que conservala e que tamén pode ser un atractivo turístico.

"Ao final o que fai o Plan de Cultura Marítima é poñer enriba da mesa toda a bagaxe que xeración tras xeración deixou a xente do mar. Áreas coma esta de Muxía denomínanse Áreas Nai, áreas de especial valor onde aínda conservamos un patrimonio que fala do noso pasado", comentou Oscar Fuertes, profesor da UDC e Director do Plan de cultura marítima.

Ese Plan de cultura marítima, que realizan a Xunta e a Universidade da Coruña nace nun país con 18 rías, e 80 concellos ao bordo do mar que concentran o 55 % da poboación. O plan estuda a pegada de milenios de actividade pesqueira para valorizar e dar a coñecer ese patrimonio.

"Tanto o patrimonio material como inmaterial. O seu valor é a razón pola que poñemos en marcha este Plan de Cultura Marítima que é pioneiro da UE", declarou Alfonso Villares, o Conselleiro do Mar.

Son obxecto do plan fábricas de salgaduras, vellos estaleiros, portos prehistóricos ou ata cemiterios vencellados á vida dos pescadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade